ConcellosMúsicaÚltima hora

Curso de percusión tradicional con Khinos Saburido en Castro Caldelas

Impartirase o vindeiro 12 de novembro no castelo desta vila ourensá e será organizado pola Asociación Cultural Bran
Cartaz do curso que promove a Asociación Cultural Bran.
Cartaz do curso que promove a Asociación Cultural Bran.

No seu afán polo fomento da música tradicional, a Asociación Cultural Bran organizará un cursiño de percusión tradicional o vindeiro 12 de novembro no castelo de Castro Caldelas. Estará impartido polo percusionista Khinos Saburido, membro de diferentes grupos galegos como o ourensán Coanhadeira. “Adaptou a técnica da caixa de música á percusión tradicional”, resaltan dende a Asociación Cultural Bran.

O contido do curso (cun horario de 10h. a 13h. e de 16h. a 19h.) vai ir dirixido á percusión e ao mantemento do instrumento “para tratar de animar á xente que está no mundo, digamos marcial, a que aprendan a esencia do toque tradicional de Galicia”, matizan dende a organización. As persoas interesadas no curso poden inscribirse no correo electrónico asociacionculturalbran@gmail.com. O custo da inscrición é de 30 euros e o curso terá como máximo 15 prazas.

Esta é a segunda acción formativa organizada dende a Asociación Cultural Bran tras o curso de afinación de gaita celebrado en abril da man do gaiteiro Daniel Bellón.

Artigos relacionados

Back to top button