
Nun pleno celebrado na mañá do 16 de agosto o Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras vén de acordar as normas para a vindeira campaña de vendima. Na xuntanza, aprobábanse as regras para explotadores, adegas e veedores. Como principal novidade, decidiuse ampliar máis alá das 22h. os horarios de entrega de produción en determinados casos, sempre e cando as adegas xustifiquen axeitadamente o retraso.
Asemade acordouse contratar aos vedores da vendima a través da empresa Ader, “unha firma de traballo temporal coa que o consello regulador leva anos traballando. Xunto a isto e ante os cambios nos rendementos da produción, o pleno decidiu instar aos viticultores que teñan dúbidas ao respecto a pasar pola sede do Consello Regulador para actualizar as súas tarxetas de vendima e adaptalas aos parámetros fixados”, segundo se vén de informar dende este órgano réctor.
Asemade, como en anos anteriores, o pleno do CRDO Valdeorras, que preside José Luis García Pando, aprobaba paralizar as verificacións de aptitude das partidas de viños. É dicir, para non interferir coa vendima, paralízase entre o 13 de setembro e o 18 de outubro o traballo ordinario de catas que se vén desenvolvendo periodicamente nas instalacións do consello. “Polo tanto, as adegas interesadas teñen agora catro semanas por diante para poder verificar a aptitude das súas partidas antes de que se paralicen temporalmente as catas”, segundo o CRDO Valdeorras.