EconomíaEconomíaÚltima hora

Dani Rodríguez abre o seu local de tatuaxes, en Verín

"Dani Rodríguez Tattoo y Piercing" está ubicado nas Galerías San Miguel, na avenida Luis Espada

 

Empezou a debuxar co seu pai e anos despois lograba facer da súa afección o seu modo de vida. “Nunca fun o típico neno que xogaba ao fútbol, a min gustábame debuxar e facíao co meu pai que sempre tivo moi boa man para a pintura e o debuxo”, conta Dani Rodríguez, xove verinés que vén de abrir un local de tatuaxes na súa vila.

 

 

“A min atraíame moito o debuxo e ata os 16 anos estiven indo a clases. Despois xa tirei por outro camiño diferente ata que tiven unha especie de revelación e pensei por que estaba facendo cousas que non me gustaban podendo adicarme ao meu”. Así foi como hai tres anos poñíase a traballar como tatuador nun local que compartía coa súa nai. “Ela ten unha perruquería e tiñamos o local dividido para os dous pero quedábaseme pequeno e decidín abrir un só para min xusto ao lado”, conta Dani, asegurando que foi un momento complicado. “Acababamos de saír da pandemia e o primeiro ano compaxinábao con outro traballo pero chegou un punto no que o volume de tatuaxes era cada vez maior e tiven que adicarme 12 horas diarias a isto que é o que fago agora”.

 

 

Así nacía “Dani Rodríguez Tattoo y Piercing”, un negocio ubicado nas Galerías San Miguel, na rúa Luis Espada de Verín duns 60 metros cadrados e dous andares, con dous almacéns, dúas salas grandes, recepción e sala de espera, “un local bastante máis grande que o anterior e en condicións”, puntualiza Dani, destacando que hai unha gran demanda. “Cando empecei tíñao case como unha afección e nunca imaxinei que en tan pouco tempo xa se convertiría na miña principal fonte de ingresos e agora levo tres anos vivindo disto, co cal estou moi contento”.

 

 

Con respecto ás tatuaxes en si, Dani asegura que a xente pídelle de todo pero algo que lle chama especialmente a atención, sobre todo no último ano, “é que cada vez a xente decídese máis a tatuarse caras ou nomes das mascotas, é do que máis me están pedindo”, di, recoñecendo que no tocando ás cores, depende da época do ano e do estado de ánimo da xente. “As tatuaxes de cor fanse moito máis no verán que no inverno”.

 

 

De cor ou en negro, palabras, liñas, mascotas, personaxes do Entroido como Boteiro de Viana ou Cigarrón de Verín,… Dende o 31 de outubro “Dani Rodríguez Tattoo y Piercing” dá servizo a unha ampla clientela de lugares tan dispares como Ourense, Xinzo, Allariz, A Gudiña, Viana do Bolo, A Mezquita, O Barco de Valdeorras e mesmo Sanabria. O horario: de martes a venres de 9 a 19:30 horas e o sábado de 9 a 15 horas.

Fotos cedidas.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button