PolíticaÚltima hora

Daniel Calvo, reelixido responsable de Galiza Nova Valdeorras

A asemblea comarcal desta entidade elixía ademais a Manuel Agra Sánchez como responsable de organización
Daniel Calvo, responsábel comarcal de Galiza Nova.
Daniel Calvo, responsábel comarcal de Galiza Nova.

Por unanimidade a Asemblea de Galiza Nova Valdeorras vén de escoller de novo a Daniel Calvo como responsable comarcal. Ademais nesta ocasión entra Manuel Agra como Responsábel de Organización. Este proceso de elección, que tiña lugar na xuntanza celebrada na tarde do 7 de decembro, prodúcese no marco do proceso posterior á XIV Asemblea Nacional de Galiza Nova, que tiña lugar o pasado 26 de novembro en Compostela.

Tras a súa elección, Daniel Calvo e Manuel Agra agradecían á asemblea a súa confianza. Aseguraban tamén que asumen con ilusión esta nova etapa que se abre, “xa que se no BNG estamos abrindo “Un tempo novo” para o nacionalismo e para a organización, en Galiza Nova Valdeorras estamos potenciando esta organización xuvenil na comarca, ou mellor dito repotenciando despois de uns anos de baixón”. Tamén resaltan que hai futuro na comarca de Valdeorras para Galiza Nova e para o BNG, e que “grazas a esta nova situación, desenvolver as nosas actividades vai ser máis efectivo e motivador”.

Esta organización márcase nesta nova etapa dous retos principais: “volver a potenciar tanto Galiza Nova como o BNG naqueles concellos da comarca onde poden estar en maior decadencia como Carballeda, Larouco, Petín, O Bolo, A Veiga e Vilamartín; e conservar e aumentar o número de militantes ou simpatizantes nos concellos de O Barco, A Rúa e Rubiá”. Outras das iniciativas nas que se traballará será a organización da Asemblea de Mulleres, o máximo órgano de decisión en materia feminista de Galiza Nova.

Tamén animaban a toda a mocidade de Valdeorras e arredores a sumarse ao proxecto de Galiza Nova e do BNG, un proxecto que cualifican de “verdadeiramente transformador” para Galicia, así como de “aberto e participativo”.

Artigos relacionados

Back to top button