OurenseÚltima hora

David Cejudo Mayor, novo director da ONCE en Ourense

 

Novo rostro á fronte da ONCE en Ourense. David Cejudo Mayor vén de asumir a dirección desta entidade na provincia. O seu acto de presentación tiña lugar na tarde de onte, e nel contábase coa presenza de Manuel Martínez Pan, delegado da ONCE en Galicia, e Carlos José Fernández Lamigueiro, presidente do Consello Territorial da ONCE en Galicia.

Nacido en Valdepeñas, David Cejudo Mayor ten 35 anos. Cursou estudos universitarios de Xeografía e Ordenación do Territorio. Á súa finalización, traballou en distintos postos de traballo e sectores. En 2017 entra a formar parte do persoal de ILUNION, como conserxe na Delegación de Castela-A Mancha.

Paralelamente presentouse ás probas do Programa Proxecta de Axencias e Coordinación, superándoas e terminando o curso. Foi vendedor da ONCE en Madrid durante varios meses, para pasar a dirixir a Axencia da ONCE en Ferrol. Na actualidade é director da ONCE en Ourense, un cargo que “recibo con gran alegría e motivación, para contribuír co futuro do Grupo Social ONCE”.

 

 

A ONCE en Ourense

Un total de 364 persoas con deficiencia visual grave e cegueira son as que atende a ONCE en Ourense. E para provelas dos servizos que a Organización pon á súa disposición, cóntase cun equipo técnico composto por 2 mestras, 1 instrutor tiflotécnico, 1 traballador social, 1 técnico de rehabilitación, 1 psicólogo, 1 especialista de apoio ao emprego e 1 animadora sociocultural.

A persoa máis nova afiliada en Ourense ten un ano, e a máis maior 96 anos.

A ONCE en Ourense conta con 67 vendedores e vendedoras, 26 deles na capital.

Artigos relacionados

Back to top button