EntrevistasÚltima hora

David Monteagudo ‘Monty’: “Sempre tiven claro que quería ser preparador físico de fútbol”

En menos de dous anos este xove valdeorrés formou parte do corpo técnico de equipos de España, Lituania, Portugal e China

David Monteagudo no campo do Meizhou Hakka, en China./ Foto cedida.

 

Sempre tivo claro que quería ser preparador físico e para iso se formou aínda que deu algunhas voltas antes de exercer como tal. David Monteagudo Martínez, (O Barco, 1995) comezou a xogar ao fútbol de neno, na praza e na rúa cos amigos, ata que tivo idade para federarse, xogando sempre no CD Barco e tendo claro que “quería facer INEF porque eu quería adicarme ao fútbol”.

Graduado en CAFYDE na Universidade da Coruña, David ten un postgrado de Readaptación e Prevención de Lesións da Universidad Politécnica de Madrid e un Máster Europeo en Salud e Actividad Física. Por necesidade empezou noutro traballo pero a súa idea inicial sempre estivo clara, “quería ser preparador físico de fútbol, nin adestrador nin xogador, sempre me gustou esa parte do adestramento”. A pandemia de Covid pillouno en Roma e decidía volver ao Barco e meterse no club de fútbol que daquela estaba en 3ª división, colaborando co corpo técnico ata que recibe unha chamada que cambiaría a súa vida, traballando en dous anos en tres equipos: O Riteriai de Lituania, o Vizela de Portugal e finalmente o Meizohu Hakka de China.

Como pasache do CD Barco ao Meizohu da superliga china?

É unha historia curiosa. No Barco estiven tres tempadas, dende o 2020 ata case mediados do 2023 e foi por mediación cun amigo da Rúa, Manuel Santos (preparador físico no Barco, no Ourense e tamén na Ponferradina onde segue). Contacta con el Fabri, adestrador do Lugo e demais, para dicirlle que coñece a un rapaz que fora o seu asistente en 2ª División en diferentes clubs, que marchaba adestrar ao estranxeiro e buscaba un preparador. Manolo recoméndame a min e entrevístome co adestrador en cuestión, Pablo Villar, houbo moi boa conexión e xa comezamos a primeira aventura en Lituania. Aí a tempada empeza en xaneiro e estivemos ata abril e en xuño marchamos a Portugal para o Vizela onde estivemos sete meses ata decembro que é cando nos sae o de China e non o pensamos dúas veces. Alí estivemos ata xuño.

 

Monty traballando co Riteriai de Lituania./ Foto cedida.

 

En pouco tempo estiveche en tres equipos de diferentes países. Que diferenzas hai?

Por exemplo, en Lituania pola influencia soviética é todo máis directivo, son menos creativos gústalles máis todo o que sexa traballo máis antigo e analítico. En Portugal xa é un fútbol moi profesional. É a sexta liga máis competitiva do mundo con equipos como o Venfica, Porto e demais e aí o xogador xa se coida moito, dá igual o que lle mandes que o vai facer, a profesionalidade é máxima. E despois en China, aínda que hai moitos recursos e os estadios son grandísimos e as instalacións fenomenais, o futbolista é máis amateur, coidase menos, hai que andar detrás deles sobre todo no tema do descanso e da nutrición. Están moito menos dedicados a pesar de que viven do fútbol e ganan moitísimo diñeiro, máis incluso que noutras ligas.

Xa só a nivel social e cultural foi un cambio importante na túa vida. Que límites te marcas?

O que me queda máis lonxe de casa é Australia pero xa de meterte nun avión dá igual 7 horas que 14. Non sei, sempre tiven a idea de querer ser preparador físico de fútbol porque é un traballo que me podía permitir viaxar e sempre tiven esa curiosidade por descubrir outras cultuas. É certo que cada vez custa un pouco máis moverse pero como aínda son xove podo permitirmo. É duro en ocasións porque te perdes moitas cousas coa familia e amigos, pero bueno…

A entrevista íntegra pode lerse no número de setembro de O SIL Deportivo.

Artigos relacionados

Back to top button