
O grupo parlamentario de En Marea, a iniciativa dos seus deputados Davide Rodríguez de Manzaneda e Paula Quinteiro, e a través do seu voceiro, Luis Villares, vén de rexistrar o 9 de febreiro no Parlamento galego unha proposición non de lei sobre axudas a gandeiros/as pola seca para o seu debate na Comisión 7ª de Agricultura, Alimentación, Gandería e Montes.
“A Consellería de Medio rural asegurou aos gandeiros e gandeiras que se atopan na zona cero da seca (Viana do Bolo, Vilariño de Conso, A Mezquita, A Gudiña, O Bolo e A Veiga), que non era posible ofrecerlles axudas directas para a compra de forraxe, pero que se deseñaría un plan especial xunto cos concellos implicados co obxecto de cubrir esa demanda. A Consellería asegurou, así mesmo, que a Xunta poría diñeiro para axudar aos afectados e afectadas. O plan especial ía ser un proxecto conxunto elaborado entre os concellos afectados. A día de hoxe, nada se sabe del”, explican os deputados de En Marea no texto da proposición non de lei.
“Tampouco se sabe nada”, engaden, “das reunións que a Xunta ía ter cos gandeiros e gandeiras para coñecer cales son as súas necesidades, porque nunca se produciron. Si se coñecen, en cambio, as liñas de créditos que a Consellería de Medio Rural anunciou no Diario Oficial de Galicia o 5 de febreiro dirixidas aos gandeiros e gandeiras. O seu obxectivo é facilitar o financiamento bonificado ás explotacións agrarias de Galicia afectadas pola seca do ano pasado, de xeito que lles permita aprazar ou distribuír os pagamentos co obxectivo de reforzar a estrutura financeira das explotacións”.
Para os parlamentarios de En Marea estas medidas non axudan aos gandeiros “a superar a delicada situación que atravesan, senón que os animan a asumir novos riscos. Na situación actual, isto é unha absoluta irresponsabilidade”, aseguran.
Ante isto, Davide Rodríguez e Paula Quinteiro plantexerán na Comisión 7ª que o Parlamento galego inste á Xunta de Galicia a “favorecer o deseño e aplicación do plan especial prometido, atendendo ás demandas do sector gandeiro”.