ConcellosLaroucoÚltima hora

Dúas novas cabanas angulares, descubertas no Castrillón de Larouco

Saían á luz durante a sondaxe realizada no decurso do campo de voluntariado arqueolóxico e ambiental que concluía o 13 de xullo

Os mozos do campo de voluntariado, na visita guiada ao Castrillón o pasado 11 de xullo./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Unha sondaxe dun metro e medio de ancho por cinco metros de longo realizada nun dos sectores do Castrillón de Larouco permitiría identificar dúas novas cabanas angulares que veñen a sumarse á descuberta no pasado outono. As analíticas de laboratorio (C-14) practicadas sobre o material recuperado naquela primeira permitira confirmar o seu uso hai máis de 2000 anos. Neste caso non foron realizadas analíticas pero segundo o director da intervención, Martiño Xosé Vázquez todas responden ao mesmo momento construtivo.

“Malia a que o reducido tamaño da sondaxe non permite obter lecturas complexas aínda non cabe dúbida de que ambas construcións responden ao mesmo horizonte cultural que a cabana descuberta o pasado outono. A tipoloxía construtiva de ambas é idéntica e a estratigrafía segue a falarnos dun único momento de ocupación datado no final da Idade do Ferro”, sinala o arqueólogo.

Esta sondaxe levábase a cabo no decurso dun campo de traballo de voluntariado ambiental e arqueolóxico, o primeiro que se realiza en Valdeorras, entre o 3 e o 13 de xullo coa participación dunha ducia de mozos chegados dende diversos puntos de Galicia, Andalucía, Soria e Zaragoza.

 

Restos das cabanas descubertas./ Foto: Xeitura S. Coop. Gal.

 

Este campo, financiado pola Consellería de Política Social e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e coordinado por Xeitura S. Coop. Gal., ten permitido acometer diferentes investigacións arqueolóxicas e antropolóxicas no lugar, así como varias accións de mellora ambiental, como por exemplo a colocación de casas niño elaboradas polos propios voluntarios.

 

A alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

“Temos un recurso de incalculable valor histórico e patrimonial”

Dende o Concello de Larouco, promotor das escavacións e do campo de traballo, a súa alcaldesa, Patricia Lamela, insiste en que “os resultados seguen a confirmar que temos un recurso de incalculable valor histórico pero tamén patrimonial para axudarnos a dinamizar o territorio. Seguiremos apostando pola súa recuperación como eixo vertebral de desenvolvemento en combinación coa tan importante actividade vitivinícola do noso municipio xunto coa vía de comunicación milenaria que é a Via Nova, hoxe entrada natural á Ribeira Sacra, candidata a ser Patrimonio da Humanidade”.

Ademais a rexedora adianta que está xa a tramitando a solicitude de máis financiación autonómica coa que ampliar a área escavada e adaptala, de forma segura e accesible, aos visitantes.

Artigos relacionados

Back to top button