En portadaÚltima hora

Decretado o ingreso en prisión dos tres presuntos autores de ata 10 incendios en Trives e Ribas de Sil

Incendio en Castro (Trives).

 

O papel da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) foi clave, segundo a Xunta na detención “dos tres presuntos autores de ata 10 incendios rexistrados en Ourense e Lugo, aos que se lle vén de decretar o ingreso en prisión por parte do xulgado de Trives”. Así, os arrestos -que correron a cargo da Garda Civil de Ourense- foron posibles grazas á estreita colaboración tanto da UIFO como do Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Comandancia da Garda Civil en Lugo.

Ante o incremento de incendios na comarca de Trives, a Garda Civil, a Unidade de Investigación de Incendios Forestais e axentes ambientais iniciaron varias liñas de investigación que concluíron co esclarecemento de 10 lumes -ocorridos entre o 18 de agosto de 2021 e o 31 de agosto de 2022- en Manzaneda, San Xoán de Barrio, Chandrexa de Queixa, A Somoza (Ourense), Quiroga e Ribas de Sil. Neste último resultaron afectadas 1.500 hectáreas e decretouse a situación 2 pola proximidade a núcleos de poboación.

Segundo explican dende a Consellería do Medio Rural, os labores do o perativo iniciáronse xa en setembro de 2020 mediante un operativo de vixilancia conxunto entre o Seprona e axentes ambientais do distrito de Valdeorras-Trives. A partir deste dispositivo identificouse un presunto incendiario, veciño da comarca, duns 26 anos de idade.

Posteriormente, en outono dese mesmo ano, nunha operación do Seprona de Ourense, prodúcese unha detención e recádase información, parte dela relacionada con esta persoa. Porén, nese intre os datos non abondan para poñer a disposición xudicial a este presunto incendiario, malia que se lle fai un seguimento e compróbase que segue actuando. “Así, en varios lumes rexistrados en agosto de 2021 no municipio de Chandrexa de Queixa, compróbase un mesmo modus operandi. En datas seguintes, rexístranse máis lumes na zona que os axentes determinan que probablemente estean provocados por este mesmo autor”, explican dende Medio Rural.

Así, a UIFO e a Garda Civil comproban que en cando menos nove lumes pode determinarse a participación deste presunto autor. En resumo, falamos dun total de 10 incendios producidos nos anos 2021 e 2022 que se inclúen no atestado xudicial instruído polos axentes do Seprona e que derivaron nestas detencións.

Artigos relacionados

Back to top button