En portadaÚltima horaVídeos

Degustacións en comercios, maridanzas e un concurso de fotos, no III “Gastromímate” de AEVA

A iniciativa celebrarase do 13 ao 15 de outubro no Barco e por primeira vez tamén na Rúa

 

Co obxectivo de “dar visibilidade aos produtos da comarca, incentivar o consumo e implicar ao comercio para destacar o valor económico trasversal da gastronomía” AEVA pon en marcha a III edición de “Gastromímate”, unha iniciativa que se celebrará do 13 ao 15 de outubro no Barco e, por vez primeira, tamén na Rúa, e coa que dende o 2021 se pon en valor a gastronomía valdeorresa con especial énfase na maridanza cos viños da Denominación de Orixe.

Neste 2023, “os protagonistas son os mesmos pero “Gastromímate” evoluciona implicando ao comercio”, explicaba a presidenta de AEVA, Araceli Fernández, na presentación celebrada na mañá deste luns 9 de outubro. Alí, explicaba que un total de 32 estabrecementos, entre tendas e bares, disporán o venres 13 e sábado 14 dun “recuncho gastronómico de outono onde degustar petiscos elaborados con produtos de tempada”. Ademais, celebraranse dúas catas maridaxe con tapas de outono e viños da DO Valdeorras para as que é necesario reservar praza.

 

 

Degustacións en estabrecementos comerciais

As empresas participantes, que estarán identificadas cun cartel, disporán na tarde do venres (a partires das 18.30) e na mañá do sábado (a partires das 12) “dunha proposta gastronómica destinada a sorprender á clientela cun agasallo de sabor, premiando a súa aposta polo comercio local e promovendo a difusión da nosa gastronomía”, dixo Araceli, adiantando que a proposta será similar en todos os comercios, con petiscos elaborados con produtos de tempada e da zona: castañas, noces, cabaza, setas, queixo, mel,… No caso dos bares, “será unha proposta única de culler e nas tendas, elaboracións adecuados para o contexto comercial”.

No Barco participan: Agricentro Terán, Ana de la Puente Perfumería, Bar Jardín, Boutique Suá, Café Bar ANJ3L, Café Bar Lisboa, Café Bar Zig Zag, Carnicería Lola, Churrería A General, Corsetería Lady’s, Cousanosa Artesanía e Decoración, El Muro del Malecón, Estanco Librería Laura, Estética Pamen, Ferretería Moncho, Librería Delia, Librería Murciego, Mercería Raquel, Miranda Moda, Multiópticas, Plantoval, Rosendo, Ton y Son, Varadero e Volaverunt. Na Rúa, o recuncho gastronómico estará en Agricentro Terán, Amaveca Comunicación, Deportes Aris, Fios, Mercería Raquel, Rosendo e Tenda de Viños Cecilia Fernández.

 

 

Catas maridanza con viños da DO Valdeorras

De forma paralela ás degustacións nos espazos comerciais, “Gastromímate” inclúe a celebración de dúas catas nas que se combinarán tres tapas elaboradas con produtos de outono con tres viños da D.O. Valdeorras. As maridanzas estarán conducidas pola sumiller Mercedes Embajadora e celebraranse o sábado ás 13 horas na praza do Concello da Rúa, e o domingo ás 13 horas no Paseo do Malecón do Barco. “Se a climatoloxía é adversa, trasladaranse ao Centro Cultural Avenida da Rúa e á Casa do Río Cigüeño no Barco”, puntuliza Araceli.

As catas teñen un aforo limitado a 25 prazas e a inscrición custa 10€. Para anotarse haberá un formulario dispoñible para o púbicio en xeral na web de AEVA a partires do mércores ás 22 horas. Ata ese momento, a inscrición estará dispoñible só para os asociados de AEVA xa que “con estas actividades preténdese tamén crear espazos de encontro e intercambio entre o empresariado”.

 

Os sabores de “Gastromímate” na anterior edición, no Barco. Foto:/ A.R.

 

Concurso nas redes sociais

A cousa non acaba aí e os días que dure “Gastromímate” estará en marcha un concurso de fotografia en Facebook e Instagram para compartir imaxes das degustacións nas tendas e estampas do outono en Valdeorras incluindo algún elemento da gastronomía comarcal: viño, produtos elaborados, naturais, etc.

“Para entrar no concurso hai que incluir na publicación texto #gastromimate e #aevavaldeorras e etiquetar o perfil de AEVA en cada rede social, para poder rastrexar as publicacións e incluilas no concurso. Entre os participantes sortearanse dúas cestas de produtos da comarca valoradas en máis de 30€, unha da Tenda da Rita e outra da Tenda de Viños Cecilia Fernández, ambos negocios asociados de AEVA”, puntualiza a presidenta de Asociación Empresarial de Valdeorras.

Todas as fotos publicadas, tanto nas historias coma nos muros das plataformas entrarán no concurso independentemente de quen a publique. Por iso, cantas máis fotos se etiqueten para o concurso, máis posibilidades haberá de optar a un premio. O sorteo farase unha vez que remate “Gastromímate” e recollerase o premio na sede de AEVA.

Tres actividades coas que a Asociación Empresarial de Valdeorras pretende poñer o foco da comarca no mundo, polo que “é importante a participación, que a xente o sinta como seu”, dixo Araceli, destacando unha vez máis que “temos que remar todos xuntos e na mesma dirección”.

Inscrición para a cata de viños e petiscos: empresariosdevaldeorras.com

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button