CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Dende Hospital ás Illas Marianas, o periplo dun fidalgo quirogués narrado por Francisco Ruiz

A novela “Las islas lejanas” presentábase na tarde do 7 de xuño na Casa da Cultura de Quiroga

A Casa da Cultura de Quiroga acollía na tarde do 7 de xuño a presentación de “Las islas lejanas”, o último libro de Francisco Ruiz de Aldereguía, un mariño e escritor ferrolán que reside dende hai anos na Ribeira Sacra.  No acto contábase coa presenzado alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, do editor do libro, José María Lago, e do propio autor.

“Las islas lejanas” é un ensaio histórico, escrito en forma novelada e ambientado no século XVII, no que se recupera a memoria do fidalgo e militar José Quiroga e Losada, natural da localidade lucense de Hospital. A obra está estruturada en dúas partes, na primeira das cales cóntase “a súa vida nunha aldea de Galicia nesa época e as vicisitudes de España nese momento histórico. El faise capitán e loita nas guerras de Portugal e Flandes, e un pouco decepcionado polo mundo da loita, da violencia vaise de levita, faise eremita”, conta o autor do libro.

É nesa segunda parte da novela cando José Quiroga adulto comeza a súa carreira militar, na que se vai ás antípodas, e máis en concreto ás Illas Marianas, para conquistar e pacificar o arquipélago. “El é o que conquista estas illas para a coroa española”, sinala o autor, quen por azar descubría hai uns anos a este personaxe quirogués nunha visita que realizaba ás citadas illas, nas que reside unha parte da súa familia. A partir de aí comezaba a investigar. “O libro está baseado en feitos históricos, sobre todo en cartas dos xesuítas que ían contando o que acontecía”, comenta Ruiz de Aldereguía. Este autor considera que “en España esquecémonos totalmente do Pacífico” e que esta obra vén a divulgar uns episodios históricos olvidados nos arquivos e sobre os que apenas hai publicacións actuais.

“Este libro é unha aposta interesante por novidosa. Primeiro polo tema que trata, que é a presenza española no Pacífico nun momento inicial da presenza de Occidente nesa parte do mundo e a través dun personaxe moi particular. Para entender a magnitude da obra hai que entender como funcionaba o mundo naquela época”, apuntaba na presentación Jose María Lago, fundador de Ediciones La Rectoral, editora da novela.

A publicación desta obra vén a coincidir coa conmemoración do quinto centenario da expedición de Fernando Magallanes e Juan Sebastián Elcano na súa viaxe de circunnavegación.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button