CulturaÚltima hora

A Deputación convoca o premio cultural “Otero Pedrayo” e o galardón “Xosé Aurerlio Carracedo” de xornalismo

As bases da convocatoria establecen un premio de 16.000 euros para o cultural e 3.000 para o xornalístico

 

Montserrat Lama deu conta da convocatoria de ambos os dous galardóns tras a Xunta de Goberno da Deputación.

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida esta mañá, aprobou as bases e convocatorias dos premios “Otero Pedrayo”, na súa edición 2016, e o galardón de xornalismo “Xosé Aurelio Carracedo” 2017.

Segundo informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, no que respecta ao premio Otero Pedrayo, dotado con 16.000 euros, esta ano corresponde á Deputación de Ourense a convocatoria deste galardón, de carácter anual e que organizan de xeito alternativo as catro deputacións galegas. A súa finalidade é perpetuar a honra á memoria dunha das figuras máis relevantes das letras e do coñecemento en Galicia, promovendo os valores propios de Galicia, recoñecendo para elo, o labor daquelas persoas que, a través do seu traballo, realicen unha notable contribución á cultura galega.

Poderán concorrer tanto persoas individuais como grupos de traballo ou institucións que co seu traballo axuden á difusión e mantemento da nosa cultura, candidaturas que poderán presentar persoas físicas ou xurídicas, entidades académicas e culturais, os presidentes das catro deputacións a proposta das respectivas comisións de cultura, a Xunta de Galicia o mesmo polo xurado.

O prazo de presentación das candidaturas rematará logo de tres meses, contados a partir dos do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia. O xurado estará composto polo presidente, que será o titular da Xunta de Galicia; un vicepresidente, que coincide co presidente da Deputación de Ourense por se tratar da institución convocante; dez vocais que serán representantes das outras tres deputacións: o da comisión de Cultura, Deportes e Mocidade da Deputación ourensá, o conselleiro de Cultura ou persoa quen delegue, e senllos representantes das universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña, da Real Academia Galega e do Instituto “Padre Sarmiento” de estudos galegos. Tamén formarán parte do xurado cinco persoas de recoñecida autoridade científica e literaria que serán nomeadas pola Xunta de Galicia e por cada unha das catro deputacións. O secretario será o da Deputación convocante.

O fallo do xurado darase a coñecer transcorrido un mes dende o día no que remate o prazo de presentación de candidaturas e a entrega do premio realizarase nun acto solemne que será organizado e convocado pola Deputación de Ourense.

Premio xornalístico “Xosé Aurelio Carracedo”

O segundo dos galardóns, cuxas bases e convocatorias foron aprobadas hoxe pola Xunta de Goberno, corresponde ao premio de xornalismo “Xosé Aurelio Carracedo” na súa edición 2017 e dotado con 3.000 euros. Poderán concorrer a este premio todos os profesionais do xornalismo e colaboradores que realicen o seu traballo en medios de comunicación escritos ou audiovisuais, estes últimos en calquera das dúas modalidades. Cómpre apuntar que as candidaturas poden ser presentadas tanto polos autores dos traballos como pola dirección dos medios nos que foron publicados ou emitidos, institucións, asociacións, colectivos ou outras persoas individuais ou polo propio xurado.

Os traballos que opten a este premio terán que estar publicados en medios de comunicación galegos ou referidos a Galicia no ano 2016.

O xurado do Xosé Aurelio Carracedo terá como presidente ao titular da Deputación de Ourense ou persoa en que delegue, actuando como vocais senllos representantes do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, da Federación de Asociacións de Periodistas, da facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, e da Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación da Universidade de Vigo.

O prazo de presentación dos traballos rematará o día 16 de marzo e o acto de entrega do galardón celebrarase o día 3 de maio, que coincide co Día Internacional da Liberdade de Prensa.

Artigos relacionados

Back to top button