ConcellosÚltima hora

A Deputación convoca o V Premio Estatuto de Autonomía de debuxo e redacción escolar

A Xunta de Goberno tamén aprobou unha axuda para un proxecto cultural en Castro Caldelas, a incorporación de Petín ao plan das vías provinciais e a Trives ao plan de concellos en situación de insuficiencia financeira manifesta
Montserrat Lama deu conta dos asuntos tratados na Xunta de Goberno.

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou hoxe, 16 de febreiro, as bases reguladoras e a convocatoria do “V Premio Estatuto de Autonomía de Galicia” de debuxo e redacción escolar, correspondente ao ano 2018. Así o informou en rolda de prensa a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama. Tamén informou sobre unha subvención para un proxecto cultural en Castro Caldelas e unha modificación no Plan Provincial de cooperacións na rede viaria provincial, unha delas no termo municipal de Petín e para incorporar ao concello da Pobra de Trives á base novena do Plan para concellos en insuficiencia financeira manifesta.

O lema desta quinta edición é “Un territorio coas súas formas tradicionais de convivencia e asentamento”, e poderán participar os estudantes de Infantil, Primaria, Educación Especial, E.S.O e Bacharelato e ciclo medio de Formación Profesional, de centros de ensino público, concertado ou privado, da provincia. Os alumnos realizarán os seus traballos de xeito individual.

O premio presenta dúas modalidades: a de debuxo ou traballo artístico, facendo referencia ao lema, para os alumnos de Educación Infantil e Primaria, e o alumnado de Educación Especia. Deben presentar un traballo nun folio ou cartolina en branco, tamaño A4, sen relevos e a técnica empregada é libre.

Na modalidade de redacción, sobre o Estatuto de Autonomía, os traballos que presente o alumnado da E.S.O, Bacharelato e Ciclo Medio de FP, deberá ter unha extensión mínima de sete folios e máxima de doce, escrita en galego, a man ou en ordenador, por unha soa cara e a dobre espazo. En caso de que o traballo se realice a ordenador, o tipo e tamaño da letra será Arial 12. O traballo de redacción poderá ser ampliado ou complementado con fotografías, recortes de prensa, etc.

En canto á presentación, os traballos poderán ser en papel ou en soporte electrónico cunha tecnoloxía que permita a súa visualización nun entorno Windows. O autor poderá entregar un CD/DVD coas aplicacións reinstaladas que permitan a súa visualización sen ningún tipo de instalación en disco. Os traballos poderanse presentar ata as 14:00 horas do día 19 de marzo de 2018.

En canto aos premios, na modalidade de debuxo, o xurado seleccionará os 12 mellores, tendo en conta cada un dos niveis educativos, así como os diferentes cursos e idades dos participantes, que serán premiados cun diploma e un lote de libros. E, na modalidade de redacción, o xurado seleccionará os 20 mellores traballos, tendo en conta os niveis educativos, cursos e idades dos participantes, que serán galardoados cun diploma, un lote de libros e unha viaxe a Santiago de Compostela, para visitar o Parlamento de Galicia e realizar outras actividades culturais.

O ditame do xurado farase público o día 30 de marzo e a entrega dos premios será no transcurso dun acto institucional, presidido polo presidente da Deputación, Manuel Baltar, que terá lugar no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” o 6 de abril de 2018, para conmemorar o día do Estatuto de Autonomía para Galicia.

Cooperación

No que se refire a subvencións a concellos, a Xunta de Goberno aprobou tamén unha axuda de 10.000 euros para o Concello de Castro Caldelas para a realización dun proxecto cultural, e dúas modificacións do Plan Provincial de cooperacións ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercizo 2018, unha delas no termo municipal de Petín, polo que se incorpora ao plan principal e a obra “mellora do abastecemento en Mones” en substitución da obra “mellora de pavimentación en Mones”, cun orzamento total de 48.000 euros. A outra modificación do Plan é acordar a aplicación ao Concello da Pobra de Trives do réxime previsto na base novena do Plan para os concellos en situación de insuficiencia financeira manifesta, causando baixa no plan a obra “pavimentación nas rúas da Pobra de Trives, fase VII”.

Artigos relacionados

Back to top button