ConcellosÚltima hora

Deputación e Xunta entregan maquinaria a 13 concellos ourensáns para a prevención e loita contra lumes forestais

Entregábanse tractores e rozadoiras aos concellos de Baños de Molgas, O Bolo, Castro Caldelas, Entrimo, Gomesende, Manzaneda, Melón, A Merca, Nogueira de Ramuín, Pereiro de Aguiar, A Peroxa, Taboadela e Vilar de Barrio

 

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, e o conselleiro de Medio Rural, José González, participaban hoxe no parque provincial de maquinaria -no polígono de San Cibrao das Viñas- na entrega de tractores e apeiros para a prevención de lumes forestais a trece concellos da provincia: Baños de Molgas, O Bolo, Castro Caldelas, Entrimo, Gomesende, Manzaneda, Melón, A Merca, Nogueira de Ramuín, Pereiro de Aguiar, A Peroxa, Taboadela e Vilar de Barrio. Esta liña de colaboración supuxo un investimento conxunto -Deputación e Medio Rural- de 1,3 millóns de euros.

Ante alcaldesas, alcaldes e representantes dos concellos beneficiarios, Luis Menor subliñou que con esta nova entrega “chegamos xa a case a un terzo dos municipios da provincia”, mostrando a súa satisfacción polo resultado dunha iniciativa pioneira na que ata o momento só participa a Deputación de Ourense de entre todas as galegas. “Temos unha gran sensibilidade no que atinxe á prevención dos lumes”, salientou o presidente provincial, que afirmou que “estes tractores están a converter a nosa provincia nun territorio máis seguro”.

 

 

Luis Menor agradeceu “a implicación da Xunta por subscribir estes convenios” e comprometeuse a seguir traballando para a sinatura de futuros acordos que permitan aumentar ata case a metade o número de concellos que conten con este tipo de maquinaria”.
Pola súa parte, o conselleiro do Medio Rural agradeceulle ao presidente provincial a súa colaboración e fixo un chamamento público a todas as administracións implicadas na prevención e defensa fronte aos incendios forestais para que se sumen á colaboración institucional coa Xunta nesta materia, clave para a seguridade das persoas e dos bens.

 

 

Os municipios beneficiados nesta nova entrega de tractores e de rozadoiras de arrastre e de brazo foron seleccionados en base a criterios técnicos que teñen que ver coa incidencia de lumes no seu territorio, fundamentalmente, e están adheridos ao Convenio de protección das aldeas, un acordo da Xunta coa Federación galega de municipios e provincias e a empresa pública Seaga.

100.000 euros de achega acada concello

Dos 1,3 millóns de euros investidos pola Deputación e a Xunta, a través da Consellería do Medio Rural, 100.000 euros representan a achega para cada un dos concellos asinantes do convenio.

Con esta nova entrega, son xa 26 os concellos ourensáns beneficiados desde o ano 2019 pola colaboración entre ambas administracións. Os primeiros tractores foron destinados a Arnoia, Muíños, Xunqueira de Espadanedo e Chandrexa de Queixa. No 2020 os beneficiarios foron Avión, A Teixeira, San Xoán de Río, Trasmiras, Viana do Bolo, Oímbra, Esgos, Lobeira e Boborás.

Artigos relacionados

Back to top button