PolíticaÚltima hora

Deputados ourensáns do PP piden no Congreso carrís de adiantamento na N-120

Tamén indican que "a Autovía A-76, alternativa á N-120, está paralizada" nos seus tramos entre O Barco e Ponferrada"

 

Os deputados ourensáns do PP Celso Delgado Arce e Ana Belén Vázquez, xunto a parlamentarios de Lugo, veñen de rexistrar no Congreso varias preguntas sobre a construción de carrís de adiantamento na estrada N-120 entre o Alto da Guítara e Ourense.

En concreto, os deputados preguntan sobre que “explicacións detalladas pode dar o MITMA (Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana) ao feito de que desde novembro de 2017, corenta e seis meses despois, siga aínda afirmando que está a redactar o proxecto de trazado de “Mellora da seguridade viaria na N-120 Implantación de carrís entre os PPKK 548+800 e 564+000 que se iniciou en novembro de 2017.

Os parlamentarios apuntan que veñen facendo un repetido seguimento “a este proxecto de trazado de implantación de carrís na estrada N-120 que contribuiría a solucionar os problemas que xeran as liñas continuas que impiden os adiantamentos durante máis de vinte e dous quilómetros, entre o Alto de Guítara e Ourense”. Con todo, engaden “ao MITMA todo dálle exactamente igual, evidenciando que as melloras nas comunicacións do interior de Galicia resúltanlle indiferentes”.

Tamén indican que “a Autovía A-76, alternativa á N-120, está paralizada deliberadamente polo Goberno nos seus tramos entre O Barco e Ponferrada; a ligazón coa N-120 previsto na Rúa, está totalmente abandonado; a ligazón coa N-120 de Vilamartín en redacción de proxecto e atrasado, e o firme da estrada nacional con fochancas e en mal estado en boa parte do trazado, sen esquecer as frecuentes caídas de noiros entre Os Peares e Ourense”.

Artigos relacionados

Back to top button