
Chandrexa de Queixa celebrará o Entroido o vindeiro sábado 22 de febreiro a ritmo de bombos, aixadas e gadañas. A partir das 12h. comezará un desfile no que participarán ata dez folións: As Maceiras, A Caniceira Os Labregos e A Lardeira (os catro de Trives), os folións da Veiga, O Irrio de Castro Caldelas, Os Arrieiros de Petín, Os Viticultores de Vilamartín, o Folión de Petín e, por suposto, o de Chandrexa de Queixa.
Despois, a partir das 14:30h., servirase un xantar popular no patio do colexio cun menú a base de sopa de cocido, cocido, bica, café e licores. O prezo da entrada é de 17 euros. A festa continuará despois amenizada polo grupo Chastton Show.