OurenseÚltima horaVídeos

Destinos, profesionais do turismo de saúde e empresas de 25 países participarán en Termatalia 2024

Desconexión nun balneario da provincia por 1 euro, bar de augas, catas express, zona de masaxes e demostracións de estética, son os principais atractivos para o público que se achegue ata Expourense os días 26 e 27 de setembro

 

A 22ª edición de Termatalia, Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar celébrase en Expourense os días 26 e 27 de setembro convocando a expositores, almacenistas de viaxes, expertos en termalismo e medios de comunicación de 25 países aos que se suman visitantes profesionais acreditados que acudirán fisicamente ao vento e asistentes virtuais ao congreso procedentes doutros 20 países diferentes, sumando un total de 45 países representados directa ou indirectamente na feira, que afronta así a súa edición máis profesional apostando polo negocio no turismo termal e pola formación especializada aos que se sumarán, como é habitual, área expositiva e as actividades dirixidas ao público xeral.

 

 

A nova edición de Termatalia era presentada na mañá deste luns 23 de setembro en Expourense nun acto ao que asistiron o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense e presidente do comité executivo de Expourense, Manuel Pardo; o deputado de Turismo, Termalismo e Representación Institucional da Deputación Provincial de Ourense e presidente do INORDE, Rosendo Fernández; o vicerreitor do Campus Auga-Universidade de Vigo, Francisco Javier Rodríguez Rajo; e o director xerente de Expourense e director de Termatalia, Rogelio Martínez. Todos eles destacaron que “é un perfecto exemplo de cooperación público-privada que contribúe a promocionar e posicionar o termalismo ourensán e galego no mapa internacional”.

 

O deputado de Turismo, Termalismo e Representación Institucional da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández.

 

O director de Turismo de Galicia Xosé Merelles puxo en valor a colaboración da Xunta para a celebración dun evento como Termatalia que, como dixo, “serve ano a ano para debater e analizar as vías de colaboración internacional e as posibilidades de futuro que ofrece o termalismo en todas as súas vertentes”, dixo. Neste sentido, puxo de manifesto a aposta estratéxica do Goberno autonómico por este sector pola súa capacidade de diversificar a oferta e desestacionalizar, lembrando que está xestionando este ano 23 millóns de euros de fondos Next Generation co que se está a desenvolver o Plan Territorial de Cascos Históricos e Vilas Termais que está a beneficiar a medio cento de concellos “coa intención de potenciar e mellorar as súas capacidades no termalismo”, explicou. Xosé Merelles felicitou á organización pola súa aposta por un evento que se consolida ano a ano como referente para o turismo de saúde que, como dixo, “está cada vez máis en auxe e temos que dar unha boa resposta ás necesidades dos viaxeiros”.

 

 

A 22ª edición de Termatalia preséntase como cita presencial e como gran punto de reencontro da comunidade termal internacional. Conta coa participación de 100 expositores (empresas representadas) de Europa e América e Asia. Termatalia 2024 conta coa presenza directa de 25 países (Alemaña, Arxentina, Bélxica, Brasil, Chile, Colombia, Costa Rica, #Ecuador, España, Estados Unidos, Hungría, Israel, Italia, Lituania, México, Panamá, Polonia, Portugal, Romanía, Serbia, Suecia, Suíza, Tailandia, Taiwan e Uruguai).

 

O presidente da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles.

 

Esta nova edición volverá incidir nas claves para o desenvolvemento do sector: negocio, formación e capital relacional ofrecendo para iso un completo programa de actividades profesionais en quédaas patente a necesidade da cooperación público-privada para o desenvolvemento do Turismo Termal e de Benestar a nivel mundial posicionando ademais a Galicia e a Ourense como centros de formación profesional en materia de termalismo.

Termatalia recibirá expositores de 25 países de Europa e América. Ademais da forte presenza de destinos e axencias de Portugal, entre os países que apostaron firmemente por esta edición cabe destacar Uruguai que despois de ser sede en 2023 continúa estreitamente vinculado ao proxecto ao que agora se sumou tamén Colombia que chega a esta edición co obxectivo de converterse en sede da próxima edición de Termatalia en América Latina que se celebraría en 2025.

 

O vicerreitor do Campus Auga-Universidade de Vigo, Francisco J. Rodríguez Rajo.

 

Actividades para o público

A pesar de que a feira adquire un carácter máis profesional, a organización preparou un completo programa de actividades para que o público poida vivir a feira “regalándose saúde e benestar”. Un dos principais atractivos será a posibilidade de gozar da entrada a un balneario da provincia de Ourense por tan só 1 euro, tal como avanzou o vicepresidente da Deputación Rosendo Fernández, puntualizando que “este prezo tan especial só estará dispoñible os días de Termatalia e farase a compra do acceso directamente na caseta da Deputación Provincial de Ourense que lanza esta campaña en colaboración cos balnearios desta provincia que contan con piscina (Laias, Cortegada, Lobios, Partovia e A Arnoia)”.

 

O delegado da Xunta en Ourense e presidente do comité executivo de Expourense, Manuel Pardo.

 

A feira contará con varias áreas de masaxes que serán ofrecidos por unha banda, polo Centro Shalom; pola Asociación de Esteticistas de Galicia e, por outro, por alumnos dos centros de FP de Ourense antes mencionadas xa que, ademais da distintas empresas, Termatalia involucrou ademais a estudantes de Formación Profesional de ramas relacionadas co benestar e a hostalería e xa confirmaron a participación nas actividades máis de 500 estudantes de varios centros de FP de Galicia. Tamén se impartirán varios talleres sonoterapia e de ioga wellness a cargo da empresa Experiencia Wellness e non faltará a Asociación Diabética Auria para lembrar a importancia de manter hábitos de vida saudables.

Estas actividades complementaranse con dúas exposicións permanentes vinculadas ao termalismo. A primeira delas será a de anuncios publicitarios relacionados coa auga mineral extraídos da obra “Anuncio. Historia do Comercio Ourensán a través da publicidade” da xornalista Maribel Outeiriño. A segunda será unha mostra da bibliografía sobre termalismo e de envases de auga mineral da colección do Dr. Luis Rodríguez Míguez cedida pola súa familia á Xunta de Galicia.

 

 

Termatalia 2024 conta co apoio principal da Xunta de Galicia a través da Axencia de Turismo de Galicia e da Deputación Provincial de Ourense Ademais, conta como colaboradores como o Campus Auga de Universidade de Vigo, a Cátedra de Hidrología Médica-Balnearios de Galicia da Universidade de Santiago de Compostela, a Asociación de Membros Afiliados da Organización Mundial do Turismo e RENFE como Transporte Oficial para trasladar ata Ourense aos profesionais que chegan a Expourense vía Madrid. Tamén colabora nesta ocasión o Concello de Archena, en Murcia, que acode para presentar o seu congreso “Archena, 2500 anos de saúde e benestar” que se celebrará nesta localidade os días 21 e 22 de novembro de 2024.

O acto de inauguración oficial será este xoves 26 de setembro ás 10h. e estará presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. O horario de feira será de 9 a 19 horas de forma ininterrompida.

Toda a información está dispoñible en www.termatalia.com e nas súas redes sociais.

Fotos e vídeos: O SIL.

Artigos relacionados

Back to top button