En portadaÚltima horaVídeos

Diego e Andrés, voluntarios valdeorreses na C. Valenciana: “Foron días duros pero bastante reconfortantes porque a xente agradéceo moitísimo”

Ambos regresaban a pasada noite tras axudar en puntos críticos como Catarroja, Paiporta e Alfafar

 

Tras dous días colaborando como voluntarios en diferentes puntos da Comunidade Valenciana gravemente afectados pola DANA, os valdeorreses Diego Domínguez e Andrés Martínez viaxaban de regreso á casa na pasada noite. “Foron días duros pero bastante reconfortantes porque a xente agradéceo moito”, comenta Diego. “Volves con sentimentos contraditorios xa que, por unha banda, sénteste triste e, pola outra, con euforia porque ves que puideches axudar á xente e ver o moito que realmente cho agradecen”.

Ambos partían na noite do luns nunha das tres furgonetas con axuda humanitaria que saían do Barco, con parte do material da recollida humanitaria promovida por Café Teatro Bajo e Las Recetas de la Abuela. E decidían permancer alí un par de días para seguir colaborando no que necesitase a poboación. “O primeiro día (o martes 5 de novembro) entregamos en Catarroja a carga das furgonetas e axudamos baleirándoas e colocando as caixas e produtos no colexio  en entregar as cousas, en baleirar as furgonetas, axudarlles a eles a colocalas no Colegio Larrodé e Florida Universitaria. Tamén estivemos na rúa axudando. Na rúa non é que sexa moi fácil a organización nestes primeiros días, a xente dalí xa sabía onde tiñan que axudar, nós íamos preguntando se necesitaban axuda e entón axudabamos”, explica Diego.

 

 

Despois fóronse movendo pola zona e estiveron en Paiporta, a considera “zona cero” da catástrofe da DANA, e en Alfafar, onde coincidían onte, 6 de novembro, cos tres membros do GES Valdeorras que están traballando alí. “Basicamente o que fixemos foi colaborar en limpar a rúa e axudar aos veciños en todo o que nos pedían”, engade Andrés.

Cren que, agora mesmo, neses puntos, “hai moitísimos medios e xente colaborando, forzas de seguridades, militares… Nese senso creo que se senten arroupados. Nós non tivemos ningún problema en entrar coas furgonetas de axuda humanitaria, chegamos alí e abríannos camiño”. Pero si que fai falta, principalmente “maquinaria pesada, voluntarios, iso está claro, e despois comida e produtos de desinfección porque hai zonas, afastadas de onde está xente, nas que se está acumulando o lixo que se foi retirando e xa se nota o cheiro e tes que andar con máscara e con luvas”, comentan estes voluntarios.

Tamén destacan a mobilización de voluntariado, mesmo de diferentes partes de Europa, “oes falar en francés, en inglés…” e a expresión continua de agradecemento cara eles da poboación local. “Nótase moitísimo que a xente agradéceche ata o mínimo detalle”, comenta Diego, “a nós o mércores intentáronnos pagar o billete do bus porque estabamos colaborando. Acabaron uns rapaces de limpar, que se marchaban a comer e non volvían de tarde, e regaláronnos unha pa, que é incrible, cousas así… xa sabían que non eramos dalí e mirábanche á cara e dicíanche grazas por vir. Eran uns detalles impresionantes, a min nunca me pasaran esas cousas, todo xestos de agradecemento, de xenerosidade… Que agora mesmo están practicamente sen nada, pero a cada momento pasa alguén pola rúa que che di ¿queres unha botella de auga?” Ou ofrecíanche un bocadillo, xel, luvas, mascarillas… Cada pouco hai alguén que está dando algo. A xente que estaba alí traballando ofrecíanos cousas, e eu díxenlle hai xente moito máis necesitada ca min para que me deas iso, tranquilo…”.

 

 

“Ves moita colaboración, moita simpatía cara á xente, porque están pasando un momento duro, pero á vez, ves que hai unha harmonía”, sinala Andrés. Tanto el como Diego, levaban comida dende Valdeorras e tamén se costeaban con diñeiro propio a estancia alí. “Quedamos os dous sós buscándonos a vida, perecorrimos 30 km para atopar un hotel en Valencia a primeira noite”, recordan.

Ademais están pensando en volver para seguir colaborando, pero xa en decembro. “Ogallá puideramos estar alí todo o tempo que fixera falta, pero cada un ten o seu traballo e as súas obrigas, e non se pode. A idea é regresar o mes que vén”.

Fotos e vídeos: cedidos.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button