
Pantallas protectoras, gorros dun só uso, batas e mascarillas reutilizables. É o diferente material de protección que forma parte do gran lote que a Fundación Paideia Galiza vén de doar ás residencias públicas da Área do PAC de Trives, formada polos concellos de Trives, Río e Manzaneda.
Nun comunicado emitido conxuntamente os alcaldes destes tres Concellos e a Mancomunidade Navea-Bibei agradecen publicamente á citada fundación a doazón “de todo este material e a Miguel Ángel Vázquez, presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, por pornos en contacto a concellos e fundación”.
A Fundación Paideia Galiza, creada por Rosalía Mera, ten cinco eidos fundamentais de actuación, segundo lembran os concellos de Trives, Río e Manzaneda: “discapacidade e emprego, mocidade e mobilidade, emprendemento, desenvolvemento territorial e formación e divulgación”.
Esta entidade está presidida por Sandra Ortega e a súa misión é “promover a igualdade de oportunidades e favorecer o desenvolvemento persoal e social, mediante a creación de propostas/proxectos innovadores e sustentables”.