En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Domingo Diéguez (ATI), novo alcalde de Trives

Prometía o seu cargo nun pleno celebrado na tarde do 28 de decembro no que tamén tomaba como posesión como concelleiro Dámaso Bembibre

“Este acto de toma de posesión é un paso máis nesta andaina que un día comezamos. Este posto de alcalde só representa o continuismo dun edil que dende o posto de concelleiro de Medio Rural traballou con máis ou menos acertos polo concello. Sentín a necesidade de facelo así, e así o seguirei facendo, só que neste momento tócame ocupar outra posición, pero coa mesma ilusión, coa mesma perseverancia, co mesmo empeño cos que intentei traballar sempre”. Con estas palabras dirixíase aos seus veciños Domingo Diéguez González, da Agrupación Trivesa Independente (ATI), tras tomar posesión como alcalde da Pobra de Trives, nun pleno celebrado na tarde do 28 de decembro.

Nesta sesión a súa era a única candidatura que se presentaba á alcaldía e resultaba aprobada nunha votación a man alzada cos seis votos a favor do seu grupo e coas abstencións dos catro edís da oposición (3 do PP e 1 de Son de Trives). Diéguez, que asume a alcaldía tras a renuncia presentada neste mes de decembro polo anterior rexedor Francisco José Fernández Blanco, iniciaba o seu discuro recordando o proxecto de ATI. “Vai para doce anos que ATI chegou ao Concello, un grupo de veciños cargado de ilusión, de entusiasmo de proxectos” por iso, continuaba, “quero que as miñas primeiras palabras sexan de agradecemento a todos os que dende o primeiro día se involucraron neste proxecto, tanto os que loitaron en primeira liña como os que nos animaron, os que creron en nós e nos fixeron entender que ese soño valía a pena”.

 

Domingo Diéguez, tras recibir o bastón de alcalde de Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Tamén expresaba o seu agradecemento “dun xeito moi especial” aos membros do seu grupo político “cos que conformo un equipo e que cada día se sacrifican co maior entusiasmo e a maior vontade realizando o labor que o Concello require”. Agradecía tamén o labor dos grupos da oposición, “agardando que a crítica sexa construtiva, sempre será un traballo recoñecido e respectado. E por suposto, agardamos que este respecto sexa mutuo e convidámosvos a unir esforzos neste proxecto común que é o Concello da Pobra de Trives”.

 

O novo alcalde, cos membros do grupo de goberno de ATI./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O novo rexedor facía un recoñecemento ao traballo do persoal do Concello trivés e aseguraba que “dende o primeiro día de goberno, o grupo ATI intentou facer seu o lema “gobernar para todos”, agardamos telo conseguido e queremos que así siga sendo. Podemos ter erros, de feito témolos, calquera pode fallar, pero non podemos aceptar non intentalo, quen loita pode perder, pero quen non loita xa perdeu”.

Ademais neste primeiro día como alcalde, Domingo Diéguez resaltaba que “non quero deixar pasar a oportunidade de pedir desculpas e comprensión polos erros, polas carencias que poidamos ter, pero tamén vos pido a vosa implicación, o voso esforzo, o voso gran de area, que vos involucredes neste proxecto común que é o noso concello e que formemos entre todos un gran equipo”. Finalmente agradecía os apoios dos veciños ao longo destes anos e a confianza depositada nel neste novo cargo.

 

O novo alcalde de Trives, Domingo Diéguez, facendo unhas declaracións ao Periódico O SIL, tras finalizar o pleno./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

No inicio deste pleno tamén tomaba posesión como concelleiro de ATI Dámaso Bembibre, quen prometía o cargo. A orde do día incluía ademais a aprobación do réxime de dedicación da alcaldía, que non difire da existente co anterior rexedor e que se aproba cos seis votos a favor de ATI e coas abstencións da oposición.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button