OurenseÚltima hora

Dous detidos en Ourense por intentar meter un cabalo nun bar e ameazar a un cliente doutro local

Os feitos sucederon na madrugada do 16 de decembro, nun local do barrio de San Francisco. Ambos detidos foron postos en liberdade con cargos
Os detidos pasaron onte a disposición xudicial e quedaron en liberdade con cargos.

Dous homes foron detidos, en Ourense, por intentar meter un cabalo nun bar do barrio de San Francisco e, posteriormente, insultar e ameazar de morte aos clientes doutro establecemento situado na zona centro da cidade. Os detidos son veciños de Ourense, un de 33 e outro de 40 anos, aos que xa lle contaban 24 e 15 detencións respectivamente.

Os feitos producíronse cara ás 00:15 horas do 16 de decembro, cando os axentes da Policía Nacional reciben a chamada na que se comunica que dous individuos queren entrar no bar de San Francisco cun cabalo. Axentes do Grupo de Seguridade Cidadá da Comisaría de Ourense dirixíronse ao lugar para falar cos mozos e a súa nai. Segundo informaron os axentes, ambos rapaces estaban “en estado ebrio e nada colaboradores” pero finalmente conseguiron tranquilizalos, comprometéndose a nai a levar o cabalo á casa.

Posteriormente, sobre as 01:22 horas, a sala do 091 recibe unha chamada informando que dous individuos, con descrición similar aos que intentaron meter o cabalo no bar de San Francisco, entraron nun bar da zona centro da cidade insultando á clientela “sen motivo aparente”, din fontes policiais, e chegando incluso a ameazar de morte cun coitelo a un dos mesmos.

Novamente, os axentes saíron en busca dos dous implicados, comprobando que son os mesmos ca os da primeira actuación en San Francisco. Tras realizar o cacheo persoal, os axentes localizaron a un deles, no peto dereito, unha navalla e, ao segundo, dentro do peto lateral esquerdo suxeito polo cinto no extremo da folla e tapado pola roupa, un coitelo de xamón. Tendo en conta os feitos, os axentes detivéronos comisionándolles un delito de ameazas de morte.

Ambos os dous acusados pasaron a disposición xudicial onte, 17 de decembro, quedando en liberdade con cargos.

Artigos relacionados

Back to top button