CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Dous estudantes do IES Martaguisela do Barco participarán o sábado na Olimpíada Informática Galega

Os dous primeiros clasificados asistirán á Olimpíada Informática Española que se celebrará do 15 ao 17 de marzo en Sevilla

Entrada do IES Martaguisela. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), en colaboración coas tres universidades galegas –Universidade de Vigo (UVigo), Universidade da Coruña (UDC) e Universidade de Santiago (USC)– e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC, organiza a Olimpíada Informática Galega 2024 (OIG 2024) o vindeiro sábado, 3 de febreiro.

A olimpíada celebrarase de xeito presencial na Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense (ESEI) da Universidade de Vigo (Edificio Politécnico s/n. Campus de Ourense) de 10 a 14:30 horas, coa colaboración da Facultade de Informática da Coruña da UDC e da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC.

A organización da OIG pechou a inscrición do certame con 26 estudantes de 8 centros, de entre 15 e 18 anos, dous deles de 4º da ESO do IES Martaguisela do Barco de Valdeorras, Mario Prada e Miguel Palmer.

O obxecto da OIG, destinada a estudantes de secundaria (ESO), bacharelato e ciclos formativos de grao medio, é a promoción do coñecemento e das vocacións nesta disciplina da informática tan presente en todos os ámbitos hoxe en día e necesaria para a formación integral da mocidade.

A competición consistirá na resolución de seis problemas nun prazo de tres horas. Cada problema deberá resolverse empregando unha linguaxe de programación que permita automatizar a súa resolución. Na OIG permítese o uso de C++, Python ou Java. Os problemas da olimpíada soen centrarse no deseño correcto e eficiente de algoritmos.

Artigos relacionados

Back to top button