EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Dous ouros para os licores Icatú no Internacional Wine Awards 2020

Son dous dos produtos que elabora de forma artesanal a adega Ecos da Pedra, situada en Teimende (Parada de Sil)

Publicidade
O licor café e o licor de herbas Icatú, que veñen de ser galardoados./ Foto: www.ecosdapedra.com

 

A International Wine Awards vén de facer público o palmarés da súa 11ª edición, na que participaban un total de 2.249 mostras de viños e de licores de diferentes países como Italia, Hungría, Grecia, Francia, Alemaña, Brasil, Canadá, Arxentina ou España, entre outros.

Nesta ocasión outorgábanse un total de 674 galardóns, dous dos cales recaían no Icatú Licor Café e o Icatú Licor de herbas artesán, elaborados de forma artesanal pola empresa Ecos da Pedra, con sede en Teimende (Parada de Sil). En concreto recibían dúas melladas de ouro como recoñecemento á súa calidade, toda unha sorpresa para os elaboradores.

“Esta é a primeira vez que participamos neste concurso e foi un pouco por probar, vendo que o proxecto está tirando por unha liña que nos gusta e tamén tendo en conta que era un certame internacional. E a verdade é que as dúas medallas foron unha sopresa, non o esperabamos e estamos moi contentos”, comenta Diego Soto, responsable da adega Ecos da Pedra, que lembra que no 2017 tamén lograban unha medalla de ouro na Cata de Viños e Licores de Galicia co seu licor café.

O concurso “International Wine Awards 2020” está organizado por Catavinum en Vitoria-Gasteiz e entre os seus obxectivos están potenciar a produción e elaboración de viños e licores de calidade e contribuír á difusión da cultura do viño.

Ecos da Pedra

Hai dez anos comezaba a funcionar a adega Ecos da Pedra. O seu promotor, Diego Soto, deixaba a súa profesión de xornalista para adicarse a este novo proxecto: a elaboración de licores e de cervexa artesá. “Ademais teño un selo discográfico dende hai 15 anos e dirixo o Festival de Músicas do mundo do Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil. Tamén organizamos residencias artísticas con músicos de toda Europa”, explica.

 

Produtos que elabora de forma artesanal a bodega Ecos da Pedra en Teimende (Parada de Sil).

 

 

A adega Ecos da Pedra, ubicada en pleno corazón da Ribeira Sacra, elabora catro produtos diferentes: dous tipos de licor café (o ouro e o branco e negro), un licor de herbas e unha cervexa artesá, unha rubia con sabor café. “Estamos nunha pequena aldea de 5 habitantes, pero hai moito turismo e dende aquí vendo dende hai anos pola web, por amazon en Madrid e en Euskadi e logo exporto a Alemaña”, conta Diego Soto.

Máis información:
www.ecosdapedra.com

Artigos relacionados

Back to top button