OurenseÚltima hora

Down Ourense presenta o seu calendario solidario 2023

 

A Asociación Down Ourense vén de presentar esta mañá na sede da Deputación Provincial o seu calendario solidario 2023, que se poderá adquirir a partir do día de hoxe en diversos puntos da cidade. Nesta edición, a asociación contou coa colaboración de distintos medios de comunicación da comarca e do fotógrafo Emilio Romanos Castiñeira, que conseguiu captar en imaxes divertidos momentos de membros de Down Ourense nas dependencias destes medios.

Deste xeito, mozos e mozas da entidade posaron en platós de televisión, estudios de radio, redaccións de prensa ou mesmo gravando con cámaras profesionais e dando a predición meteorolóxica. Pola súa parte, a Deputación de Ourense colaborou de xeito económico, sufragando a impresión dos 300 calendarios de parede.

No acto de presentación do almanaque, que tivo lugar na Sala de Xuntas da Deputación, participaron a deputada provincial de Cultura, a barquense Luz Doporto Real; a presidenta da Asociación Down Ourense, Sonia González Sánchez; e o fotógrafo Emilio Romanos.

Na súa intervención, Sonia Sánchez destacou a importancia desta iniciativa e resaltou que “o calendario solidario supón para Down Ourense unha fonte de ingresos moi importante e é unha vía máis de visibilidade e protagonismo para as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais”. Tamén quixo agradecer “a participación de todas as persoas que, de maneira desinteresada, o fixeron realidade” e aproveitou a súa intervención para recordar que “coa súa compra estase apoiando a inclusión do colectivo”.

Este ano a tirada será de 1.000 exemplares: 300 calendarios de parede e 700 calendarios de mesa. Todos eles terán un prezo de 5€ e os beneficios obtidos coa súa venda irán destinados integramente ós programas de promoción da autonomía persoal que se levan a cabo en Down Ourense e que, actualmente, dan servizo a 86 persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais e ás súas familias.

Aquelas persoas que así o desexen, poderán adquirir o seu calendario solidario na propia asociación e nas tendas Angelo Milano (R/ Paseo, 30) e Nuria Vidal (R/ Concordia, 12).

Artigos relacionados

Back to top button