ConcellosEspeciais

Dúas décadas de historia

A Cea do Cocido de Piñeiro, prevista para o 17 de xaneiro a partires das 21h, celebra o XX aniversario
Comensais na pasada edición da cea de PIñeiro.
Comensais na pasada edición da cea de PIñeiro.

Corría o ano 1993 cando os veciños de Piñeiro, no concello de Pobra de Trives, decidían abrir as festas na honra ao seu patrón, San Sebastián, por todo o alto, cunha cea na que o prato estrela sería o cocido, elaborado polos propios veciños, con tódalas delicias de porco, patacas e grelos.

Parece que foi onte e pasaron xa vinte anos desa iniciativa e, malia o traballo que supón e os atrancos cos que se foron atopando, ao longo destas dúas décadas a Cea do Cocido de Piñeiro converteuse nun referente gastronómico de inverno en todo o oriente ourensán. De feito, cada mes de xaneiro, o venres da cea, o pobo duplica a súa poboación. Xente nova e non tan nova, disposta a pasar unhas horas en boa compañía, disfrutando cun exquisito menú.

Así, coa ilusión que dá manter este tipo de actividades, sobre todo nos tempos que corren, pero tamén coa pena de pensar que “seguramente sexa a última” en palabras de Justo Rodríguez, promotor da iniciativa, Piñeiro prepárase para celebrar o XX aniversario da súa festa por excelencia.

A data, coma sempre será o terceiro venres de xaneiro, nesta ocasión o día 17 a partires das 21h, seguindo o mesmo esquema das edicións anteriores aínda que pode que haxa algunha sorpresa para os asistentes.

Nada máis chegar a Piñeiro o día da cea pola noite, o primeiro que se ven son os coches aparcados por toda a estrada que comunica Trives co pobo. Alí, preto da igrexa levántase a carpa acondicionada para a ocasión na que os organizadores e colaboradores, xente de tódalas idades que bota unha man, teñen preparadas as mesas e as sillas para acoller aos comensais.

Unha vez dentro, o primeiro é buscar o mellor sitio. Nas mesas xa están preparadas as bolsas de papel individuais cos cubertos, a servilleta e o postre. En cada servizo hai tamén un vaso de barro (que máis tarde poderemos levar de recordo) e a bebida.

Nun recuncho da carpa está instalada a improvisada cociña na que se preparan os diferentes ingredientes que forman o cocido e que os camareiros irán colocando nos pratos de barro (que tamén poderemos levar de recordo), que van servindo de un en un.

Texto: Mónica G. Bellver Foto: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button