
Ata o vindeiro 31 de marzo poderá visitarse na Delegación Territorial da Xunta en Lugo a exposición “Galicia en Foco”, unha escolma de medio cento de imaxes que se contan entre as mellores fotografías publicadas en medios de comunicación galegos durante o ano 2018. Entre elas figuran dúas imaxes do fotógrafo Carlos G. Hervella e publicadas no Periódico O SIL nunha reportaxe sobre o sector da castaña, e máis en concreto sobre a Cooperativa Amarelante de Manzaneda, en decembro de 2018.

Esta mostra, que corresponde á 28 edición do certame Galicia en Foco (que convoca o Club de Prensa de Ferrol) inaugurábase nesta mañá de venres 6 de marzo e chega a Lugo da man do Grupo Cinematográfico Fonmiñá. A mostra permanecerá exposta no Edificio Administrativo da Xunta ata o día 31 de marzo e pode ser visitada en horario ininterrompido de mañá e tarde de luns a venres -ata as 19.00 horas- e os sábados pola mañá, con entrada libre e gratuíta.

As imaxes amosan o acontecer en Galicia ao longo dun ano, retratando aspectos como a cultura, os conflitos sociolaborais ou as tradicións. Na inauguración participaron, entre outros, a delegada territorial en funcións da Xunta en Lugo, Marta Barreiro, a presidenta do club de prensa ferrolán, Xulia Díaz Sixto, e Xulio Xiz e Eduardo Ochoa, presidente e responsable de fotografía de Fonmiñá respectivamente.
Tamén a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, que participaba nunha xuntanza de traballo na Delegación Territorial, aproveitou posteriormente para visitar a exposición e intercambiar impresións cos organizadores.
