Na noite do venres 15 de novembro producíase un accidente de tráfico no límite da OU-137 coa ou-536, no Ceboliño, en Ourense. Unha colisión entre dous vehículos que deixaba dúas persoas feridas, unha delas atrapada, segundo informan dende o 112 Galicia.
Era un particular o que ás 22:15 horas contactaba co 112 Galicia informando do accidente. “Na chamada indicaba que había dous vehículos implicados, e no interior dun deles podería haber unha persoa atrapada”, explican dende o centro de emerxencias que pasaba aviso aos Bombeiros de Ourense, os cales “tiveron que empregar o material de excarceración para liberar a un home de avanzada idade dun dos coches, a maiores, no outro vehículo implicado tamén tiveron que abrir a porta para poder acceder ao condutor”.
Tamén pasaban aviso aos axentes da Garda Civil de Tráfico, sendo o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 o encargado de trasladar a ambas persoas ao centro hospitalario de referencia.