EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

Dúas toneladas de solidariedade en forma de alimentos, nas Terras de Trives

A organización do Torneo de Fútbol Sala Solidario Trives- Río-Manzaneda xa ten clasificados os alimentos no perecedoiros reunidos nesta cita deportiva celebrada a finais de decembro

Na tarde-noite do 2 de xaneiro levábase a cabo a clasificación dos alimentos reunidos no decurso da II Gran Festa do Fútbol, un torneo solidario organizado polos Concellos de Trives, San Xoán de Río e Manzaneda xunto coas asociacións RíoMola, Sporting Manzaneda, A Rebusca, CD Trives, Club Montaña Trives e co Disco-Pub Curvi. Ao longo de tres días, do 28 ao 30 de decembro, chegaban a xuntarse dúas toneladas de alimentos.

“Formáronse lotes de comida para facerlle un inverno un pouco máis levadío ás persoas máis necesitadas dos concellos organizadores do evento. Cada un deses lotes será entregado nestes días, antes de que rematen as festas de Nadal”, indican dende a organización.

Ademais destacan que, “debido á gran resposta da cidadanía, esas dúas toneladas de alimentos permitiron chegar aos fogares de medio cento de persoas con menos recursos destes municipios e o excedente foi entregado a Protección Civil da Pobra de Trives para sumar na campaña que teñen vixente tamén ata o vindeiro 5 de xaneiro, de recollida de alimentos non perecedoiros: Por un Nadal Feliz para todos“.

A gran resposta social ante este evento deportivo benéfico desbordaba por completo as expectativas da organización, deixando un “moi sabor de boca e demostrando que camiñando da man os tres concellos e diversas asociacións destes, o éxito foi rotundo”, indican os promotores.

Ademais expresan os seus “parabéns a todos os que traballaron desinteresadamente, facéndoo posible e dar por suposto as grazas a todos os que colaboraron ben facendo achegas alimenticias como á morea de clubs e empresas que doaron produtos para sortear na Gran Festa do Fútbol”.

Este torneo enchía durante eses tres días o pavillón trivés de público, que aportaba como entrada un quilo de alimentos. “Os quilos de solidariedade non deixaron de chegar ata conseguir esas 2 toneladas de comida non perecedoira, sen todas esas persoas isto non sería posible”, resalta a organización.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button