Andainas-Trails-OrientaciónDeportesÚltima hora

Dúas vitorias para o Peña Trevinca Barco nas probas de orientación a pé disputadas en Barbanza (A Coruña)

Martina Aller vencía en F12 na 7ª carreira da liga galega de orientación a pé e Xan Trigo na 3ª carreira da liga galega sprint en M50

 

Con dúas vitorias e dous terceiros postos se saldaba a participación do Club Pena Trevinca Barco nas probas de orientación disputadas o sábado 21 de maio en Barbanza.

Tal como explican dende o club valdeorrés, durante a mañá tiña lugar a 7ª carreira da liga galega de orientación a pé no mapa da Serra de Barbanza, onde baixo un bochorno importante Martina Aller Pfirter lograba un fantástico primeiro posto na categoría F12. “O mapa deste evento caracterízase por esixir un alto grao de concentración e, ao mesmo tempo, ser moi rápido”, aseguran dende o Peña Trevinca, puntualizando que os numerosos elementos como pedras na localización das balizas dificultaron enormemente a toma de decisións “pero a experiencia da xove Martina e o seu bo facer levárona ao máis alto do podio”.  Entre os mozos, Francisco Camba conseguía o terceiro posto do podio na categoría M21 B.

 

 

Xa na sesión de tarde disputábase a 3ª carreira da liga galega sprint no centro urbano de Noia, “un labirinto de pequenas rúas con continuos cambios de dirección”, especifican dende o Peña Trevinca Barco, destacando que neste caso, o veterano e experimentado Xan Trigo Recarey era o mellor clasificado do club obtendo a vitoria na categoría M50. Martina Aller Pfirter conseguía o terceiro posto na categoría F12.

A liga retomarase o vindeiro sábado 28 de maio na localidade coruñesa de Ordes coa oitava proba.

Artigos relacionados

Back to top button