CulturaCulturaÚltima hora

‘E dobraron as campás en Petín de Valdeorras’, homenaxe póstuma de Luis Posse a toda unha vila

A presentación do libro tiña lugar na tarde do 25 de outubro na Casa da Cultura de Petín

 

Naceu en Lalín pero Luis Posse Vidal “foi e será para sempre petinés, tal como o demostrou ao longo da súa vida, levando a Petín no corazón e pregoando alá por onde for as bondades das súas xentes, a beleza das montañas e os viñedos que o rodean e o río que acariña as ribeiras da que denomiraron “A perla do Sil”. Con estas palabras comezaba Juán José Rodríguez, Chavito, a súa intervención na tarde do sábado 25 de outubro, na presentación a título póstumo do libro “E dobraron as campás en Petín de Valdeorras”, escrito por Luis e traducido por Miguel Ángel Sánchez del Río.

 

 

Na Casa da Cultura de Petín, Chavito explicou que Luis soubo vivir como bo petinés e gozar da magnífica situación da casa familiar materna situada en plena praza. “Unha vista privilexiada desde as balconadas e galerías, o lugar perfecto e preferido de Dona Concha, avoa materna de Luis, para observar e sentir o bulicio do pobo calquera día e a calquera hora, pero especialmente nas soadas celebracións como as Festas de Santiago Apostol e Santa Ana”, dixo, sendo nesa casa e no seu patio traseiro onde a familia de Luis pasaba os calurosos veráns de xullo e agosto acompañados a maior parte do tempo dos seus innumerables amigos.

Ese era o xerme do libro, de 150 páxinas e editado por Sondéresis que fala de personaxes como Don Nicanor e a súa esposa dona Elvira, o dono e señor da granxa que “controlaba o tráfico de carros e cabalerías que case por obrigación tiñan que pasar polas súas terras para chegar a Mones, Sampaio, Outeiro, Santa María ou Barxela, a cambio os usuarios do camiño debían achegar algún xornal de traballo como paga, ben fose na vendima, a sega ou calquera actividade agricola que se necesitase”.

 

 

Tamén están “Don Manuel Rollón, mestre e alcalde por designación; Don Amadeo, secretario do Concello e avó materno de Luis e Don José Quiroga ao que cariñosamente chamamos toda a vida Don Pepito, médico na Rúa compañeiros ambos de paseos e terulias; os curas, Don José que tamén exercía de mestre e Don Urbano, home forte e algo rechoncho cunhas mans grandes que foi o artífice da rondalla na que moitos fixemos os nosos primeiros pasos musicais; Don Paciano, o médico coa súa consulta no barrio da Ponte…”

 

 

Tal como explicou Chavito, o libro “é un relato novelado do que ocorría na localidade nas décadas dos 50 e 60, con algún personaxe ficticio aínda que a maioría deles son reais e recoñecibles facilmente polo lector petinés unha vez que vai avanzando na súa lectura”, no que o autor narra multitude de anécdotas e episodios que tiveron lugar nesa época e dos que aínda hoxe se fala, describindo asemade con todo luxo de detalles os lugares e situacións que se narran ao longo do libro: “A feira do 21 co seu pulpeira e os seus postos á sombra dos 2 impoñentes negrillos da praza, hoxe desaparecidos; as festas do Santiago co seu palco, os carruseis, a tómbola do Manolete e os petardos que tantas medias de cristal se cargaron; o camiño do cemiterio,…”

 

 

Da vida de Luis Posse en Santiago, onde o coñeceu, e dos seus últimos anos falaba o seu cuñado, Carlos Otero quen explicaba que foi durante a xubilación, temperá, cando comezou a escribir o que “en principio proxectou como un conto sobre Petín, a súa xente e a Santa Compaña, con moita calma, a súa irmá Mari reconvíalle continuamente para que o terminase, pero o que non sabiamos era que ese conto ía collendo corpo co tempo, crecía na súa mente moito máis alá do que é un relato curto, e adquiría xa carácter de novela. Cando lemos os primeiros capítulos comprendemos onde podía chegar e a pesar da nosa insistencia en que o rematase, parecía que o feito de escribilo, repasalo, refacer frases ata que atopaba a forma que consideraba definitiva, colmaba máis a súa necesidade vital de escribir que o propio feito de terminalo”, dixo, explicando que acabou a novela no hospital, “case como un testamento”.

 

 

 

Unha homenaxe á vila e á xente que levaba no corazón, algúns xa falecidos e que formaron parte da vida de Luis en Petín. “O seus irmáns Cholo e Conchi, Luis María, Rami e Jose Sierra, Juanón o sempre omnipresente en toda esmorga e por suposto un carteiro delgaducho de aspecto desaliñado sempre pedindo un pitillo e cunha copa de licor café na man, o noso lembrado e querido Quinito. Tamén por todos eles gustaríame que dobrasen as campás en Petín de Valdeorras”, remataba Chavito.

Trala presentación os asistentes degustaban uns petiscos e un viño de Valdeorras.

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella.

Back to top button