DeportesÚltima hora

“Edición 0” da Godello Bike Rice, unha ferramenta de promoción e difusión de Valdeorras

A proba ciclista desenvolveuse pola comarca, con saída e meta no paseo do Malecón, no Barco

 

Na tarde deste sábado 18 de setembro, o paseo do Malecón, no Barco de Valdeorras, convertíase no punto de saída e meta da Godello Bike Race, Desafío MTB Valdeorras, un evento deportivo organizado por Zona360valdeorras cuxa “edición cero” lanzábase como unha ferramenta de promoción e difusión do entorno no que se desenvolve. De feito, tal como explican dende a organización, “na proba, que contou con todas as medidas de seguridade marcadas polos protocolos Covid, incluída unha saída por quendas de 20 corredores introducíronse algunhas das fórmulas que a través dun percorrido con selo #Zona360Valdeorras promocionarán a comarca nun mercado global de amantes do ciclismo e da natureza”.

Así, a carreira en bicicleta de montaña contou con dúas posibles distancias, 120 km (modalidade XCUM) e 55 km (modalidade XCM), nun circuíto esixente e de enorme riqueza paisaxística, que puxo a proba as forzas dos valentes que se enfrontaron ao maratoniano desafío (entre os que non faltaron membros do Club Tres Lunas Valdeorras), vendo recompensado o seu esforzo co privilexio de descubrir unha experiencia única de rodar entre os inimitables viñedos de Valdeorras en plena tempada. Ademais, durante o percorrido os participantes da distancia curta, gozaron dun avituallamiento entre viñedos, coñecendo de primeira man a arte da vendima.

 

 

Despois do éxito desta proba piloto, tanto a Godello Bike Race como as súas fórmulas futuras en desafío por un día, por etapas ou circuíto gourmet, están pensando en futuras edicións. “Xa traballamos nun Godello Bike Tour deseñado como un instrumento de promoción da rexión, que recomendará unha experiencia inesquecible, fronte a un público internacional, ávido de descubrir novas contornas e explorar novos desafíos. Un roteiro permanente que ofrecerá a posibilidade de facer o percorrido nunha, dous, tres e ata catro etapas. Todos os rexistrados contarán con mapas interactivos, atención personalizada, asistencia técnica en roteiro, camisola e medalla finisher”, explican dende a organización, insistindo en que máis alá dun evento deportivo, trátase dun “instrumento único de posta en valor do territorio que atraerá centos de cicloturistas e que co apoio de institucións como Xunta, Xacobeo 21/22 e os diferentes Concellos implicados, converterase nunha ferramenta única de desenvolvemento moi importante para Valdeorras”.

Fotos cedidas pola organización.

Artigos relacionados

Back to top button