Elección galegas 18F - 2024EntrevistasPolíticaÚltima horaVídeos

Eladio Santos: “Adquirín o compromiso de levar a Valdeorras directamente ao Parlamento de Galicia para que se escoite”

Este barquense e docente de profesión, que vai de número 4 na lista por Ourense, asegura que no PSdeG-PSOE "cremos en Galicia, coñecemos perfectamente os problemas de Valdeorras e dos valdeorreses e temos as solucións"

 

Non é a súa primeira incursión en política. De feito estivo durante unha lexislatura como concelleiro de Turismo, Comercio e Promoción Económica no Concello do Barco de Valdeorras, pero si é a primeira vez que o fai nunha lista para o Parlamento de Galicia. Licenciado en Xeografía e Historia, Eladio Santos Martínez leva máis de trinta anos exercendo a súa profesión (actualmente é mestre no IES Lauro Olmo do Barco) e preséntase como número 4 por Ourense na lista do PSdeG-PSOE para os comicios do 18F co reto de “traballar por Galicia e sobre todo facer que Valdeorras se escoite”.

¿Cal é o motivo que o leva a presentarse na lista do PSdeG-PSOE por Ourense nestas eleccións autonómicas?

A raíz dunha proposta dos compañeiros de partido da provincia presentóuseme a oportunidade de optar ás listas ao Parlamento de Galicia e aceptei co compromiso de defender a Valdeorras e ir nun posto suficientemente digno como para poder saír e facelo. Estou no cumio da miña carreira profesional e estou moi contento co meu traballo despois de 33 anos pero presentouseme o reto de traballar por Galicia e sobre todo facer que Valdeorras se escoite e iso foi o que más me tentou. A partir de aí adquirín o compromiso de levar a Valdeorras directamente ao Parlamento de Galicia para que se escoite, para esixir as necesidades e responder a todos os intereses que temos os valdeorreses dende hai xa moitos anos. Non puden deixar pasar a oportunidade e por iso tomei esta decisión da que estou moi satisfeito e espero que fructifique tralas eleccións do 18 de febreiro.

¿Que obxectivos se marcan dende o PSdeG-PSOE nestes comicios?

Fundamentalmente que saiban de forma permanente en Santiago, nos centros de poder, que existimos. E para iso é fundamental que haxa xente de Valdeorras con mentalidade de Valdeorras, que viva aquí e tomara a decisión de residir aquí, concretamente no Barco e con vinculación familiar noutros lugares da comarca. É fundamental para chegar alí e seguir sendo valdeorrés en Santiago. E unha vez preto dos centros de poder onde se toman as decisións que teñan que ver cos intereses e necesidades dos valdeorreses estar atentos e plantexalos as veces que sexa necesario ata ir pouco a pouco conseguindo os obxectivos porque, nos últimos quince anos o que levamos é sentido desprezo e falta de interese por parte da Xunta en Valdeorras con exemplos que eu considero que son auténticas tomaduras de pelo para os seus habitantes.

 

Eladio Santos, número 4 por Ourense do PSdeG-PSOE, na entrevista concedida ao Periódico O SIL./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

¿Como valora a xestión do goberno da Xunta con relación á provincia en en concreto á súa parte oriental?

A política da Xunta do Partido Popular nos últimos anos con respecto a Valdeorras é de desinterese e desprezo, co obxectivo de cero investimentos e nalgúns casos accións que rozan a desfachatez, porque non somos tratados igual que outras comarcas ou zonas de Galicia e para cambiar por completo a dinámica hai que gobernar. Teño ese compromiso cos valdeorreses e cos compañeiros do resto da provincia.

¿Como plantexaron a campaña? ¿Como a está a vivir vostede?

Nese sentido a nós énos doado porque o único que temos é que buscar as competencias que ten a Xunta como Administración Autonómica para desempeñar na nosa provincia e comarca. Unha vez analizadas e confrotadas cos resultados na nosa comarca vemos que son pésimos e incluso de descoñecemento completo do que é Valdeorras. Fundamentalmente centrámonos en servizos sociais e sanidade, en turismo, as infraestruturas nas que ten competencia e na restauración dos nosos montes e zonas afectadas polos incendios sen investimentos, sen vinculación co territorio e sen concepción de Valdeorras integral. Analizando todos estes elementos observamos que hai moitas carencias que contrastamos con anuncios propagandísticos do Goberno do PP que non se fan realidade e diso os 5 concellos dos 9 de Valdeorras nos que está gobernando o Partido Socialista somos claros testemuños. De feito moitas das iniciativas que a Xunta non é capaz de levar adiante estano facendo os propios concellos sen ter as competencias para facelo, con iniciativas de mellora e transformación do noso territorio. Nós vendemos polas rúas, gústanos saír que nos vexan atoparnos coa xente cara a cara porque aí non hai filtros, nin manipulación, nin reinterpretacións. Que vexan o que dicimos, iso para nós é fundamental. Tamén estamos falando cos diferentes sectores, cos empresarios, coa xente afectada polos incendios, coa xunta de persoal do HPV… Un dos problemas dramáticos e nalgúns casos tráxicos é o xeito en que o PP está tratando a sanidade en Valdeorras cun proceso de desmantelamento continuado e sen vontade de revitalizar o Hospital, con perda de nivel asistencial, de capacidade de hospitalización, de especialistas,… con políticas regresivas.

¿Cales son os aspectos do programa do PSdeG-PSOE que destacaría con relación a Valdeorras?

No sanitario, con respecto ao hospital propoñemos un proceso de consolidación dos postos de traballo. Crear un plan director onde se establezan as consultas necesarias e a partir de aí dotalas permanentemente non con remendos, con contratos serios, ineresantes, atractivos, que permitan que o persoal sanitario desfrute do Barco onde temos moi boa calidade de vida e queden cun contrato digno e unha autonomía da xestión do hospital. Son as tres medidas que queremos tomar inmediatamente e comprometémonos a que en 48 horas como máximo sexa atendida unha cita en Atención Primaria. E non é difícil, simplemente hai que ter vontade, decisión e determinación.

No tema dos incendios que é recurrente, falamos de recuperación do monte e da paisaxe que non se levou a cabo tralo de 2022, co cal as vivendas queimadas quedarán como cicatrices na nosa paisaxe rural para sempre. Aquí tiraron polo fácil de dar as subvencións para calar as bocas e nada máis porque non veñen polo sitio. Se eu chego a ser parlamentario están aquí todas as semanas e comprométome a escoitar á xente e a denunciar o que está pasando aquí.

 

Eladio Santos Martínez./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Con respecto ao turismo rural, aquí hai un gran potencial. Temos a canteira que é un recurso económico fundamental pero tamén sempre dixeron os alcaldes que hai que diversificar a capacidade de xeración de riqueza e produción de bens en Valdeorras. Temos a lousa e o viño e hai que buscar o turismo no que nós cremos, algo que á Xunta nunca considerou interesante. Sabemos que para que haxa unha oferta de turismo seria ten que haber un territorio comarcal, un concello só nunca traerá gran cantidade primeiro porque ou conta con moitos recursos e poucos servizos ou ao revés, mentres que entre todos temos os recursos e os servizos que precisa o turista. Así que dende os concellos, liderados polo do Barco, presentaron un proxecto turístico comarcal coa posibilidade de optar a unha convocatoria do Ministerio de Industria e Turismo dos Plans de Sostibilidade Turística en Destino que foi aceptado por 1,5 millóns de euros sendo transferidos á Xunta para inxectar nas zonas e institucións beneficiarias e agora resulta que o PP fai propaganda cun plan que naceu dos concellos, no territorio, non da Xunta, que só leva o tema administrativo e mal porque leva un ano de retraso para desenvolverse e sería o punto de partida para converter Valdeorras nun destino potente. Nese sentido consideramos que o Camiño de Inverno é un valor e por parte da Xunta administrouse mal tanto a sinalización como o trazado ata que despois de moito insistir e vir varias veces, perdendo cartos e creando conflitos por non consultar, conseguiuse que estivera ben sinalizado. Tamén a divulgación correu por parte dos concellos e das asociacións.

E no tocante ás infraestruturas, entre os múltiples problemas que temos está a necesidade de mellorar o tramo de estrada 533 entre Viana e A Gudiña e crear carrís de adiantamento. Nós temos o compromiso de mellor iso de maneira inmediata para que aos valdeorreses nos leve 40 minutos. Son necesidades por inacción total por parte da Xunta do PP. Queremos transformar este país. Cremos que a Valdeorras e a Galicia enteira hai que darlle unha volta porque o merece e merecemos unha oportunidade para intentalo nós. O partido socialista está transformando España con melloras no emprego, nas pensións e nos salarios ademais de crecemento económico e benestar e cremos que Galicia tamén o necesita e deixarnos de enfrontamentos entre Xunta e Estado.

¿Por que os votantes deberían optar polo PSdeG-PSOE?

Porque temos ambición de país xa que cremos en Galicia, coñecemos perfectamente os problemas de Valdeorras e dos valdeorreses e temos as solucións. Moitos deles residen na mala xestión da Xunta ou da intención de non xestionalos correctamente e nós sabemos como facelo. Para o sector agrario temos claramente especificadas as axudas necesarias, impulsar o sector do viño, desenvolver proxectos industriais, melloras os problemas nas canteiras de lousa… Cremos nos servizos públicos, na sanidade, na educación,… Tamén temos a ilusión porque pensamos que, coa coñexión Valdeorras, Xunta e Estado van ser imparables os investimentos e melloras.

¿Que mensaxe lle trasladaría ao votante para que acuda ás urnas o domingo?

Se a xente vota todo vai cambiar a mellor polo que non hai que quedar na casa. Que se non están contentos con algunhas cousas con Galicia e Valdeorras, voten. O votante decide para que as cousas cambien.

Artigos relacionados

Back to top button