En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Emilio González Afonso, novo subdelegado do Goberno en Ourense

Tomaba posesión do seu cargo na mañá do 3 de xullo nun acto celebrado na Coruña

“Coñecedes os problemas actuais, coñecedes aos vosos veciños e veciñas, tedes a capacidade para responder con éxito ás demandas sociais. Pídovos o maior esforzo, ofrézovos a miña máxima colaboración”, dicía o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, na mañá do 3 de xullo no acto de toma de posesión dos subdelegados do Goberno en Galicia. No caso de Ourense, o novo subdelegado é Emilio González Afonso (1954), que ten sido deputado provincial e alcalde de Verín durante sete anos.

González Afonso é licenciado en Medicina. Na actualidade exerce como médico de Atención Primaria no Sergas no CAP de Riós e ten sido vicepresidente da Academia Médico-Quirúrgica de Ourense.

Tamén asumían os seus cargos Pilar López-Riobóo como subdelegada do Goberno na Coruña, María Isabel Rodríguez López como subdelegada do Goberno en Lugo e Maica Larriba como subdelegada en Pontevedra. “Tedes aceptado participar nun proxecto ilusionante de cambio; unha tarefa apaixoante para modernizar o noso país e avanzar cara unha sociedade de progreso, solidariedade e benestar social”, sinalaba Javier Losada na súa intervención.

A este acto de toma de posesión, de carácter interno, tamén asistían o xeneral xefe da 15 Zona da Garda Civil, Ángel Alonso de orixe valdeorresa, e o xefe superior da Policía de Galicia, Manuel Vázquez, así como representantes da delegación e subdelegacións, ademais de familiares dos novos subdelegados.

Artigos relacionados

Back to top button