En portadaÚltima horaVídeos

Emotiva e solidaria apertura do Nadal na Pobra de Trives cos “farolillos voadores”

O espectáculo de luz e son incluía tamén un videomapping e a actuación en directo de Fátima Pego e DJ Sonic

 

Cun multifestival solidario ao que asistía numerosas persoas, abría o concello da Pobra de Trives o Nadal. Retransmitido en directo polo Facebook do Concello, o festival de luz e son comezaba pasadas as sete e media da tarde dese venres 23 de decembro da man da presentadora da TVG Lucía Rodríguez, a encargada de anunciar as actividades deste evento solidario pensado para recoller alimentos para a xente que máis o necesita na zona. “Coa entrega de alimentos ou productos non perecedeiros os asistentes recibirán un farolillo, que cada un encenderá e pedirá os seus desexos enchendo o ceo de Trives de luz e ilusión. Os produtos irán destinados ás familias que máis o precisen coa supervisión dos servizos sociais municipais”, explican dende o Concello.

 

 

A primeira sorpresa da noite era o videomapping sobre a fachada do Concello aproveitando as novas tecnoloxías para proxectar unha espectacular felicitación de Nadal con son e movemento para todos os presentes. Despois, trala conta atrás por parte da alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez, os asistentes soltaban os farolillos pedindo os seus desexos ao ceo, protagonizando un fermoso e emotivo momento que desfrutaron todos os presentes, de Trives e doutros concellos. Os pequenos e os pais acendendo e lanzando os faroliños e a xuventude inmortalizando o momento cos teléfonos móbiles.

 

 

De seguido viña un segundo pase do videomapping, poñendo o broche ao acto a panxoliña “Ding Dong” interpretada en directo pola cantante da orquestra Panorama Fátima Pego co acompañamento musica de DJ Sonic que continuaba animando a noite trivesa. Un espectáculo “de luxo” para dar a benvida ao Nadal “sen esquecer a solidariedade e o fin social e de irmandade para entre todos colaborar cos que menos teñen facéndolles chegar o sentir da solidariedade de todo un pobo unido”, din dende o Concello.

 

 

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button