Unha pegada é algo que “queda ou que alguén deixa como testemuño despois dun acontecemento ou dunha acción”, segundo recolle o dicionario. E nesas pegadas de épocas pasadas deixadas polas mulleres vianesas pon o foco o documental, promovido pola Concellería de Servizos Sociais e Igualdade de Viana do Bolo e polo Centro de Información á Muller, que se presentaba nun emotivo e concorrido acto (cun cento de asistentes) na tarde deste sábado na Casa da Cultura de Viana do Bolo. A ocasión era tan especial que non faltaba unha alfombra vermella e un photocall.
“Pegadas” constitúe “un relato de relatos, de recordos de acontementos” de tempos pretéritos. Nel recóllense as vivencias dunhas 70 mulleres (a maior parte delas de 70 anos e algunhas incluso nonaxenarias) de boa parte das aldeas do municipio de Viana que falan de como era antano a vida, dos traballos, das tradicións, das festas, da natureza, de sentimentos…
“Estou encantada, chegou o día da estrea deste documental que con tanta ilusión fixemos entre todas”, dicía a concelleira de Cultura de Viana do Bolo, Ramona García, que deseguido presentaba ao equipo que fixo posible este traballo: Andrés Ortiz, Isabel González, Sara Feijóo, Nuria Paz (que non puido asistir ao acto, pero cuxa voz en off ) e a propia Ramona García. Despois compartían co público o que significou para cada un deles participar neste proxecto “e a pegada que nos deixou”.
Despois proxectábase este filme de máis dunha hora de duración, que emocionaba. Tras velo, moitas persoas expresaban o seu agradecemento pola iniciativa con palabras, bágoas nos e apertas.
Dende o Concello de Viana valorábase de maneira moi positiva esta experiencia e a acollida do traballo. “Foi un éxito, estamos moi contentos e a xente tamén”, dicía a concelleira de Cultura, Ramona García. A intención do Concello é subir este documental ás redes sociais para a súa difusión.
Coa estrea de “Pegadas”, iniciativa que conta co financiacimento dos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, vén de encetarse a programación de Nadal de Viana, que continuará con diversas e variadas actividades nas vindeiras semanas.
Fotos e imaxes cedidas.