En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Emotiva homenaxe do IEV ao barquense Ángel Fernández Fernández

Na tarde deste 25 de setembro era investido Membro de Mérito do Instituto nun multitudinario acto celebrado no Casino do Barco

 

Apenas seis días despois de inaugurarse a exposición de periódicos e carteis da Guerra Civil, o salón principal do Casino do Barco de Valdeorras acollía un novo acto do Instituto de Estudos Valdeorreses. O primeiro era un acto sinxelo de presentación no que unicamente interviña o presidente do IEV, Aurelio Blanco Trincado; o segundo unha emotiva e merecida homenaxe ao que fora presidente, cofundador e membro activo do Instituto, Ángel Fernández Fernández, na que era investido como Membro de Mérito da entidade cultural valdeorresa que supera xa os 40 anos de historia.

Nunha sala repleta de xente (mantendo as distancias sociais polo Covid), entre a que non faltaban académicos, senadores, deputados, alcaldes, concelleiros, representantes da Xunta e da Deputación, veciños, amigos e familiares do homenaxeado, o acto comezaba coa lectura, por parte do secretario do IEV José Antonio Blanco, da acta do 5 de maio de 2021 na que polo “inxente labor cultural e social que desenvolveu durante toda a súa vida, e en especial polos servizos prestados ao IEV durante máis de 20 anos” se recoñece o nomeamento de Ángel Fernández como Membro de Mérito coa cadeira “RR” de Valdeorras.

 

O presidente do IEV, Aurelio Blanco, abrazando ao novo Membro de Mérito, Ángel Fernández.

 

De seguido, tal como manda o protocolo, o membro máis antigo da directiva, Roberto Iglesias, recibía e acompañaba ao novo Membro de Mérito ata a súa cadeira co acompañamento musical do dúo de piano e frauta que amenizaba o acto.

Tocáballe entón ao presidente do Instituto, Aurelio Blanco, dar o discurso de ingreso de Ángel Fernández ao cadro de honra da entidade, desfacéndose en eloxios ao expresidente, asegurando que no seu caso cúmprense de sobra as condicións do IEV para nomear aos Membros de Mérito. “Levas toda a vida estudando, investigando e publicando unha parte esencial da historia de Valdeorras, poñendo os cimentos do que hoxe é o IEV, sen unha formación universitaria, que é o mérito maior dende o meu punto de vista, e nunha época na que para recabar datos había que patear arquivos e bibliotecas e ti fixéchelo, deixando as pestanas para descubrir segredos da historia local nese momento descoñecidos e descubrindo personaxes importantísimos”, dixo Blanco trincado, loando tamén a persistencia e tesón para profundizar na historia da comarca; e destacando tamén o seu papel cultural á fronte do Casino e os logros conseguidos á fronte da Confraría de Jesús Nazareno e como membro do grupo Os Escarvadores, con descubrimentos como o Mosaido da Cigarrosa, na Rúa ou o poboado de San Salvador, na Proba. “En calquera manifestación cultural e social que xurdira alí estaba Ángel e sempre cunha participación activa, collendo o pico ou o bolígrafo”, asegurou lembrando ao resto de membros de mérito do IEV: López Caneda, José Gayoso, García Tato, Castro Voces, Paz Andrade, Florencio Delgado Gurriarán, Lauro Olmo,…

 

Por primeira vez a investidura como Membro de Mérito incluíu a entrega da medalla do IEV. Castro Voces recibirá proximaente a súa.

 

E precisamente a estes dous últimos personaxes, cos que comparte título, adicaba o homenaxeado a súa intervención. Visiblemente emocionado e nervioso, Ángel Fernández comezaba o seu discurso de ingreso ao cadro de honra agradecendo ao IEV, na persoa do seu presidente e resto da directiva, o nomeamento “un dos maiores méritos que poida ter xa que son un simple afeccionado á historia valdeorresa”, dixo, destacando o feito de que neste 2021, celébranse dúas datas importantes para a comarca: o centenario do nacemento de Lauro Olmo e a elección de Florencio Delgado Gurriarán como homenaxeado das Letras Galega 2022.

Despois de compartir cos presentes parte da vida e obra de Lauro Olmo, ao que ten especial cariño e sobre o que leva moito investigado e escrito, o acto remataba coa entrega dun ramo de flores por parte do IEV á filla do homenaxeado, presente na sala xunto ao seu pai e os seus dous irmáns.

Fotos: Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button