Expourense volve aliarse coa empresa especializada en informática e márketing dixital DixitalGou, para organizar a terceira edición de Inspiro, Encontro Interxeracional entre o tecido empresarial e os diferentes modelos formativos (Universidade e Centros de Formación Profesional) de toda Galicia, que se celebrará o martes 13 de maio no recinto feiral cun programa de conferencias de expertos sobre emprendemento, márketing, talento e creatividade. Como é habitual, este evento inclúe tamén a exposición (e posterior entrega de premios) dos traballos finalistas do Terceiro Concurso de Proxectos Emprendedores.
A terceira edición de Inspiro era presentada na mañá deste mércores 7 de maio en Expourense nun acto que contou coa participación do deputado de Representación Institucional da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Fernández; do director territorial da Consellería de Educación en Ourense, Jorge Rubén Sampedro; do vicerreitor do Campus de Ourense-Universidade de Vigo, Francisco Javier Rodríguez Rajo; da directora do Centro Galego de Innovación da Formación profesional, María Jesús Carnero; da xerente de AJE-Ourense, María Muleiro; do CEO de Dixitalgou, Pablo Sanmartín e do director xerente de Expourense, Rogelio Martínez.
O programa de conferencias do Encontro Inspiro ontará coa participación de expertos en emprendemento que impartirán clases maxistrais e compartirán os seus casos de éxito á hora de converter un proxecto nunha empresa. A presentadora de televisión e directiva de SOC Comunicación, Lucía Rodríguez, exercerá de novo de mestra de cerimonias deste encontro que arrincará coa conferencia inaugural de José María da Torre do Club do Emprendemento que dará as claves de “Maxia para vender, como xerar ideas na mente do público”. O Club do Emprendemento é maior Comunidade de pemes, autónomos e emprendedores de España.
O programa de conferencias continuará coa intervención da artista multidisciplinar Alba Ferro, vicepresidenta de AJE-Ourense co relatorio “Descobre que che diferencia, o teu roteiro e o teu don. O éxito é viaxe, non só un recuncho”. Inspiro 2025 incluirá ademais unha mesa redonda moderada polo Ceo de DixitalGou, Pablo Sanmartín, na que catro empresarios emprendedores presentarán as súas experiencias de éxito. Participarán os directivos de Hygea Formación; Mobify; AiFalaches.gal e Nela Gourmet.
A sesión de tarde terá un compoñente práctico e impartiranse dous talleres paralelos. O primeiro será un desafío no que os participantes terán que competir por crear o mellor produto publicitario. Titúlase “CHEGAR & ENCHER”: The Marketing Race e estará impartido por Julio López que é consultor político, de márketing e de desenvolvemento de negocio. Colaboran os seus alumnos do certificado de profesionalidade en Xestión de Marketing e Comunicación.
O segundo dos talleres da tarde explicará como montar unha entrevista en directo “do set ao streaming” e estará impartido por Estrelas Máxicas, empresa dedicada á produción de eventos, especializada en servizos de son, iluminación, pantallas, espectáculos de maxia e actuacións musicais. O enfoque será didáctico e colaborativo, permitindo que os asistentes participen na montaxe, a gravación e a configuración do sistema de streaming.
III Concurso de Proxectos Emprendedores
O Encontro Inspiro albergará ademais a final do Terceiro Concurso de Proxectos Emprendedores ao que se presentaron un total de 27 traballos. Á final chegaron 11 finalistas procedentes da Universidade de Vigo e da da Coruña e dos centros de Formación Profesional Portovello, Santo Cristo, CPR San Martín e Colexio Valle Inclán.
O programa de conferencias do Concurso inclúe varios pases de exposición dos proxectos finalistas, 11 en total debido a un empate na clasificación de finalistas. A entrega de premios terá lugar ás 18:45h. Os premios aos gañadores serán en metálico (hai 1.100 euros a repartir en 3 categorías) e inclúe tamén unha mentorización a cargo dun experto ou empresa.
O obxectivo deste Concurso de Proxectos Emprendedores é “vincular o ensino co mundo empresarial de forma bidireccional, é dicir, que as empresas coñezan os proxectos e investigacións que se realizan nos centros educativos para que poidan aplicalos á súa actividade e, tamén, que as empresas estimulen nos alumnos a capacidade de crear proxectos cunha clara visión práctica que logre aumentar a produtividade e competitividade. En definitiva, poñer en contacto as ideas, o talento e a experiencia”.
Este Encontro terá lugar en Expourense durante toda a xornada do martes 13 de maio con horario comprendido entre as 9:30 e as 19h. Está aberto xa o prazo de inscrición para asistir como público na web www.inspiro.es. A asistencia é gratuíta previa inscrición.