En portadaGalerías de fotosÚltima hora

En marcha o cribado poboacional de Covid na Rúa

Preto de 1.500 persoas de entre 30 e 60 anos pasarán hoxe polo pavillón de deportes rues para facer unha PCR

 

Dende as dez da mañá e ata pasadas as seis da tarde, pasarán polo pavillón de deportes da Rúa preto de 1.500 persoas de entre 30 e 60 anos. Son as seleccionadas, previa cita enviada polo Sergas vía SMS, para participar no cribado poboación de Covid que Sanidade organizou para o municipio da Rúa, dado o aumento de casos positivos rexistrados nos últimos días.

Para levar a cabo o cribado, ata a localidade da Rúa se desprazaba un completo equipo formado entre outros, por varios sanitarios que se repartían ás persoas distribuídas por hora e apelidos. Entre os veciños máis madrugadores estaba o alcalde da Rúa, Álvaro Fernández que se sometía á proba PCR a primeira hora da mañá deste domingo 13 de decembro.

 

 

Tal como explicou unha das enfermeiras da Área Sanitaria de Ourense, Verín e o Barco desprazadas á Rúa, esperan que a xente se anime a facerse a proba xa que a finalidade é “detectar os casos asintomáticos que hai na poboación”. A ese respecto o alcalde da Rúa espera que sexan poucos os positivos que saian, recoñecendo que sentiu “pena” ao ver a vila deserta na tarde de onte, sábado, primeiro día trala aplicación das novas restricións. “Ata onde eu sei os hostaleiros respectaron a hora de peche, porque son conscientes de que as medidas son necesarios, e é polo ben da poboación”, di Álvaro, adiantando que as forzas de seguridade estiveron controlando a entrada e saída da vila “e houbo algún aviso pero nada máis”, di.

O acceso da xente ao pavillón está sendo controlado por un axente da Policía Local da Rúa e varios membros de Protección Civil.

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button