PolíticaÚltima hora

En Marea mantén unha xuntanza coas entidades culturais do Carballiño

O número dous da formación por Ourense, Davide Rodríguez, explicaba a súa experiencia en materia cultural como alcalde de Manzaneda
Davide Rodríguez e Ánxeles Cuña, na reunión mantida con colectivos culturais do Carballiño.
Davide Rodríguez e Ánxeles Cuña, na reunión mantida con colectivos culturais do Carballiño.

Establecer un sistema de actividades culturais intercomarcais entre as localidades ourensás que, ademais, poña en contacto a colectivos culturais de diferentes zonas galegas. Era unha das propostas que os candidatos de En Marea por Ourense, Ánxeles Cuña e Davide Rodríguez, presentaban no encontro que mantiñan o 6 de setembro con representantes de entidades culturais do Carballiño, comarca cun importante tecido asociativo nesta materia.

Asemade, de acceder ao goberno galego, a intención de En Marea é devolver o nivel de inversión ao sector cultural. Ánxeles Cuña sinalaba que desde 2009 “a Xunta acometeu un recorte do 50% nos orzamentos destinados a cultura”. Cuña engadía que, ademais do agravio comparativo que isto supón con outros sectores, isto xera o “empobrecemento directo dun tecido chave para o país”.

Pola súa banda, o número dous da candidatura ourensá de En Marea, Davide Rodríguez, expoñía a súa experiencia no eido cultural como alcalde de Manzaneda. Alí a xestión das actividades estaba en mans das asociacións do municipio, pero con respaldo do Concello. Dese xeito conseguiuse revitalizar a vida cultural de Manzaneda e medrar a participación nas accións programadas.

Artigos relacionados

Back to top button