CulturaCulturaÚltima hora

Encontro e presentación de recursos didácticos sobre Florencio Delgado Gurriarán, no Barco

Ir Indo edita unha guía didáctica e unha nova biografía sobre o autor valdeorrés

 

Dende que comezou o Ano de Florencio estanse sucedendo na comarca de Valdeorras as actividades en torno á figura, vida e obra do poeta valdeorrés, así como as presentacións de obras literarias, moitas reedicións e tamén material inédito.

A última, que remataba cun refrixerio e intercambio de impresións, tiña lugar na tarde deste xoves 31 de marzo na biblioteca municipal Florencio Delgado Gurriarán do Barco, contando coa presenza dos autores, dos editores e da concelleira de Cultura do Barco Margarida Pizcueta, entre outros.

 

A nova biografía sobre Florencio Delgado Gurriarán.

 

Foi un acto familiar, conducido pola propia concelleira, no que se presentaban duas publicacións: unha nova biografía sobre Florencio Delgado Gurriarán e unha guía didáctica para traballar a súa obra con escolares, ambas da man da editorial Ir Indo. No caso da biografía, os autores son Tania Pérez Pérez e Xosé Ramón Campos e nela analizan a figura de Florencio abordando o seu legado cultural, político e literario, “unha obra de lectura moi amena e didáctica que de seguro chegará a todos os públicos”, dixo Margarida asegurando que estas publicacións son necesarias.

“Cando hai seis anos retomamos a xeira de conseguir As Letras Galegas para Florencio despois de telo intentado moitos antes, o IEV o primeiro, contabamos con moi pouca obra de Florencio, de feito o día en que lle concederon a homenaxe todo o que sobre el había acadou prezos desorbitados. Por iso era moi necesario que se reeditaran todas esas obras e que xordan outras iniciativas que nos dén outra visión do poeta, da súa historia e sobre todo do seu contexto é ben vido”, asegurou.

 

Guía didáctica creada por Débora Álvarez.

 

Nesta biografía, Tania Pérez encargouse do inicio da vida de Florencio, “moi recoñecido e querido na comarca aínda que estivo moi pouco tempo aquí”, explicou a autora, lembrando o nacemento do peta en 1903 en Córgomo, sendo o pequeno de cinco irmáns no seo dunha familia de clase media que tivo que viaxar moito (a Ourense, Palencia, Valladolid,…). Da parte do exilio en México encargouse Xosé Ramón Campos.

O outra publicación presentada hoxe é unha guía de traballo para Infantil, Primaria e Secundaria da que é autora Débora Álvarez, directora do proxecto As letras de Florencio, presente no acto malia o recente falecemento do seu sogro. Na presentación a concelleira destacou a importancia desta obra porque “saber de Florencio e da súa obra é necesario pero dala a coñecer, sobre todo no ámbito educativo, é esencial e primordial polo que esta proposta didáctica será unha ferramenta clave para o traballo nos centros educativos no ano das Letras de Florencio”.

 

Un momento da presentación na biblioteca municipal do Barco.

 

Por parte da editorial, malia que nun principio estaba previsto que interviñera Xelasio Suárez, finalmente era o outro fundador e editor de Ir Indo, Bieto Ledo, quen se dirixía aos presentes, non para faler de Florencio nin das obras, senón da importancia da fala e da enerxía que hai que transmitir aos nenos para aprender a falar, a ler e a escribir. “Agora a xente está sobreinformada polo territorio de internet onde está a información non o coñecemento como o mar cheo de agua que non é potable”, dixo animando aos presentes a “transformar esa auga salgada en auga potable”, pasando da simple información á sabedoría.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button