EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Encontro en Valdeorras para desenvolver a estratexia de dinamización das comarcas vitivinícolas galegas

Desenvolvíase na Casa Grande de Viloira (O Barco) coa asistencia de representantes do sector vitivinícola, como do sector turístico, das administracións públicas e doutros axentes do territorio

Reunión na Casa Grande de Viloira (O Barco)./ Foto cedida.

 

Mellorar o posicionamento dos viños galegos no seu conxunto, reforzar a súa imaxe de marca vinculada cos territorios nos que se producen e mellorar a eficacia da promoción e comercialización dos produtos turísticos vinculados ao enoturismo e a enogastronomía. Son os obxectivos da “Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia” , que a Fundación Juana de Vega está  a desenvolver en virtude dun convenio de colaboración subscrito o pasado agosto entre esta entidade, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), a Axencia de Turismo de Galicia e o Instituto Galego de Promoción económica (IGAPE).

O proceso de participación desta iniciatiba comezaba en novembro de 2019, cos encontros de diagnose que tiveron lugar nas cinco Denominacións de Orixe do Viño de Galicia e coas Indicacións Xeográficas Protexidas, e nestes momentos vén de comezar a segunda fase, con encontros cun carácter “máis propositivo recollendo as achegas dos distintos axentes e as medidas concretas a incluír na estratexia para poder reforzar aqueles aspectos positivos ou solucionar aquelas problemáticas identificadas nos encontros iniciais”.

O primeiro destes encontros propositivos celebrábase na mañá deste mércores 4 de marzo na Casa Grande de Viloria(O Barco) para a Denominación de Orixe Valdeorras. Á reunión asistían diversas organizacións e institucións cuxo ámbito de actuación coincide prioritariamente co territorio da DO, tanto relacionadas directamente co sector vitivinícola, como do sector turístico, das administracións públicas e doutros axentes do territorio: viticultores, adegas, Consello Regulador, rutas do viño, Deputación de Ourense, Clúster do Turismo de Galicia, Consorcio de Turismo, hostaleiros, axencias de viaxe, concellos, Grupos de Desenvolvemento Rural, centros de investigación e centros de formación, entre outros.

No encontro presentábanse os principais eixos cos que se está a traballar na elaboración da estratexia: viticultura e produción de uva, industrias e tipos de viños elaborados, comercialización e mercados, organización da cadea do viño e funcionamento da DO, turismo e enoturismo, patrimonio natural, cultura e paisaxe.

“A metodoloxía empregada propicia un diálogo participativo que permite que afloren ideas, acordos e camiños de acción para o futuro dos territorios nos diferentes eidos sectoriais desde diferentes perspectivas”, segundo a Fundación Juana de Vega.

A este primeiro encontro en Valdeorras seguiranlle outros cinco similares nos outros territorios vitivinícolas que existen en Galicia, en Rías Baixas o 11 de marzo, en Monterrei o 24 de marzo, na Ribeira Sacra o 26 de marzo, no Ribeiro, o 1 de abril, e coas IXPs o 16 de abril.

O sector vitivinícola converteuse nun dos sectores máis dinámicos do rural galego, aglutinando nas súas cinco Denominacións de Orixe, a máis de 13.000 viticultores, unhas 450 adegas e un valor económico de máis de 200 millóns de euros. O viño é por tanto un importante dinamizador nas comarcas de Galicia que están ligadas a estas Denominacións de Orixe, creando fortes vínculos entre agricultura, patrimonio, paisaxe, gastronomía, cultura e turismo.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button