Por segundo ano consecutivo, Fonte da Cova (Trevinca) acollía a concentración moteira organizada pola Asociación Motoxeada e desta volta, a aventura foi total trala nevada caída nos últimos días.
Así, numerosos afeccionados ao mototurismo (xente que disfruta facendo quilómetros en moto ao tempo que descubre novos destinos) achegábanse ata o teito de Galicia na pasada fin de semana, malia a dificultade engadida pola neve acumulada. “Contamos con 140 inscritos pero o sábado chegamos a ser 400 persoas” explican dende o colectivo moteiro Balas Rasas, engadindo que a maioría era de Galicia pero tamén viñeron dende Sevilla, Alicante, Madrid, Asturias, Cantabria, País Vasco, Valladolid,… e mesmo Portugal.
Dende o 16 ao 18 de decembro, nin a neve nin o frío impediron que o programa, que incluía rutas, festas, degustación de porco ao espeto e incluso actuacións musicais, se desenvolvese con normalidade. “Unicamente suspendimos a visita guiada a unha canteira o sábado porque o día amenceu moi desapacible con ventisca, así que en canto despexou fomos directamente a Sobradelo”, explica Javier dende a organización.
Polo demais, todo foi segundo o previsto sendo a paisaxe o que máis sorprendeu á xente nova que acudiu este ano. “A xente coñece A Rúa e O Barco pero descoñecía totalmente esta zona de Valdeorras, quedando sorprendidos polo gran desnivel, pasando dos 350 metros de Sobradelo aos 1.830 en escasos 27 quilómetros de ascenso”, aseguran dende a organización.
Fotos cedidas.