Os días 9 e 10 de marzo o Concello de Pantón acolle a celebración das carreiras de Enduro e MiniEnduro que organiza a liga Galega da Moto de Campo, despois de correr este ano na Peroxa e San Xoán de Río.
Pantón prepárase para recibir a uns 150 pilotos nas distintas categorías e a unha marea de afeccionados que gozarán dun circuíto único, “É un sitio ideal para andar en moto, perfecto para gozar porque se conserva o monte moi autóctono na parte do Miño e eses camiños son un auténtico pracer tanto visual, como en moto, como andando. Tócanse poucas poboacións e encántalles que pasemos. É un gusto de trazado e de xente”, destaca Javier Quintas, Responsable Deportivo da liga Galega da Moto de Campo.
O sábado, 9 de marzo, a saída do primeiro participante desde a praza do Concello cara ao alto de Guítara farase ás 14h. e o horario previsto para finalizar son as 19:00. Ás 11:00h terán lugar as probas de MiniEnduro no parque pechado de Eiré.
O domingo, 10 de marzo, seguirán as competicións de Enduro e Clásicas. A saída desde a Praza do Concello será ás 11h. para terminar ás 16:00h. A entrega de premios celebrarase ás 17:00 na Praza de Concello.
Este será o terceiro ano que Pantón acolla as carreiras da liga Galega da Moto de Campo, “É un circuíto moi cómodo, con fácil acceso para a xente, é moi visual con zonas onde sempre ves movemento de motos e o público agradéceo, é un espectáculo”, destaca Javier Quintas, facendo un chamamento á participación para gozar deste espectáculo do motor e vivir dous intensos días de actividade en Pantón, para os que se espera que non chova, “Que neve pero que non chova. Hai moitísimos anos que non se fai unha proba en Galicia con neve. De pasar frío e mollarnos, mellor facelo con neve que lle vai a dar un toque especial”, pide Javier Quintas.