En portadaÚltima horaVídeos

Enoturismo e deporte, na II BTT Ruta do Viño de Valdeorras prevista para o 23 de outubro

As inscricións poden facerse dende mañá na páxina www.sportmaniacs.com

 

A zona do Bañadoiro, en Vilamartín de Valdeorras, será o punto de partida para a II BTT Ruta do Viño de Valdeorras. Unha proposta que mestura enoturismo e deporte que se celebrará o 23 de outubro (saída ás 9:30 horas) e que percorrerá os municipios de Vilamartín, Petín, O Barco e Rubiá.

Así o indicaban na presentación que tiña lugar na mañá deste xoves 25 de agosto no mesmo lugar no que terá a saída a partir das 9:30 horas, á que asistían o presidente da Ruta do Viño de Valdeorras, Joaquín Sánchez; o presidente do C.R.D.O. Valdeorras José Luis García; o concelleiro de Vilamartín Juan Enrique Guntiñas e o responsable de Rutas Xanzá Víctor Fernández.

 

O presidente da Ruta do Viño de Valdeorras, Joaquín Sánchez.

 

O propio Víctor explicou que a ruta ten un percorrido de 57 km con 1.800m de desnivel positivo con tramos que irán pola Vía Nova e polo Camiño de Inverno. “Haberá tres avituallamentos que intentaremos facer en adegas que estén dentro da Ruta un en cada concello, con empanada, bica e viño”, dixo Víctor, animando á xente a participar.

O límite de inscricións é de 300 persoas e custa 35 euros para os non federados e 25 e pódense facer a través da páxina web de sportmaniacs a partir de mañá e ata unha semana antes da ruta. Cada corredor recibirá de regalo unha camiseta conmemorativa da ruta e unha botella de godello.

 

 

A ruta, que mestura o enoturismo e o deporte e que tamén conta coa colaboración da Peña Ciclista Valdeorras, non é competitiva, aínda que si lle darán dorsal e chip a cada corredor para controlar á xente. “O importante é participar, pasalo ben e acabala”, concluía Víctor. Este ano como novidade, tamén poderán participar con bicicletas eléctricas. Ademais, hai establecementos da Ruta que terán ofertas de aloxamento para os participantes na BTT.

O presidente da Ruta do Viño, asegurou que a pretensión da asociación non é outra que “vertebrar o territorio pasando polas diferentes zonas que o conforman, non é moi grande pero intenso, dende Covas seguindo o río Sil que pasa por Valdeorras ata preto de Montefurado e os dous afluentes, Xares e Bibei. Todo o patrimonio coas súas adegas, os viñedos, cunha pequena incursión no enoturismo”, dixo lembrando que “Valdeorras somos todos”. Pola súa banda, o presidente do Consello Regulador recoñeceu que “é unha oportunidade de coñecer os diferentes percorridos en BTT que hai na comarca que son espectaculares, e un reclamo para que a xente que non é daquí volva facelos pola súa conta”. Orgulloso de que dos 57 km da ruta 22 vaian polo concello de Vilamartín, Juan Enrique Gunitiñas lembrou que “sempre estaremos dispostos a colaborar con calquera actividade que queirades organizar aquí”.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button