O PSdeG-PSOE elixe a Enrique Álvarez Barreiro como candidato á alcaldía de Vilamartín de Valdeorras de cara as eleccións municipais que se celebrarán o vindeiro 28 de maio. O actual alcalde do municipio repite por cuarta vez como cabeza da lista socialista co obxectivo de continuar coa “transformación” e a “humanización” do concello a prol da veciñanza.
O actual rexedor municipal sinala que se presenta a estas eleccións argumentando que Vilamartín de Valdeorras “por fin empeza a coller velocidade e non quero desaproveitar este momento de proseguir traballando polo noso municipio e realizando obras clave para os nosos veciños”. Neste senso pon como exemplo a obra de acondicionamento da área recreativa do Bañadoiro que segundo afirma “converterase nun referente comarcal e provincial, atraendo visitantes o noso municipio”.
O candidato do PSdeG-PSOE aposta por darlle “continuidade” o proxecto iniciado polos socialistas hai varias lexislaturas e destaca que “o nosos obxectivo é agora conseguir a humanización da praza de Vilamartín, que sexa un referente na nosa comarca e un lugar onde os veciños e as veciñas do municipio se sentan identificados”, apunta Barreiro. Por último, o actual alcalde tamén pon o foco na necesidade de “seguir traballando e pelexando día a día por solucionar os problemas reais da veciñanza e por escoitar as súas suxestións para poder dar respostas rápidas e eficaces”.