Na xornada do venres 26 de xullo remataba o Campus Futsal Inter Ribeira Sacra que se celebraba dende o luns día 22 no polideportivo municipal de Manzaneda. Unha gran acollida por 44 nenas e nenos da contorna que poideron adquirir coñecementos técnico-deportivos do fútbol sala pero tamén sensibilizarse con valores, ética e psicoloxía deportiva. Tamén tiñan tempo para socializar entre eles e gozar de tempo libre na piscina municipal e noutras infraestruturas deportivas.
A clausura tiña lugar pola tarde no pavillón onde o presidente e a vicepresidenta do club, acompañados polo alcalde de Manzaneda entregaban medalla e diploma a cada un dos asistentes. A directiva do Inter Ribeira Sacra tamén entregaba medallas do mérito á deportividade para cadansúa categoría, sendo galardoados os elixidos por votación do propio alumnado do campus.
Ao remate do evento lembrouse que o alumnado do campus podía integrarse en diferentes partidos do Torneo de Fútbol Sala organizado pola Comisión de Festas Virxen das Neves de Manzaneda. Á súa vez presentouse a imaxe das dúas camisetas para o futuro equipo de Futsal Inter Ribeira Sacra: unha camiseta cunha imaxe máis colorida que representa as cores máis representativas dos concellos que integran a Ribeira Sacra; e unha segunda que inclúe elementos azulados que representa a cor da auga, elemento característico da Ribeira Sacra e da súa vinculación cara a candidatura a Patrimonio Mundial da Humanidade, así como das cores da imaxe institucional do club.
Fotos e vídeo cedidos.




