OurenseÚltima hora

Entrega dunha furgonetas de servizos ao GES da Gudiña e ao da Veiga

 

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, fixo entrega hoxe de cadanseu furgón de servizos varios a distintos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) da comunidade reforzando así o seu equipamento. En concreto, aos GES de Ferrol-Eume, O Sar e Caldas e Ortegal e Ferrol con sedes en Mugardos, Padrón e Ortigueira, respectivamente. Tamén ao de Friol-Palas de Rei na provincia de Lugo, mentres que na provincia ourensá recibiron cadansúa furgoneta o GES A Veiga-Viana, e o que atende a zona Viana-Verín con sede na Gudiña. Ao acto tamén acudiron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, xunto co delegados territoriais da Xunta na Coruña e Ferrol, Gonzalo Trenor e Martina Aneiros, respectivamente.

Estes vehículos 4×4 supoñen un custo total de 655.759 euros, isto é, 109.293 euros cada un deles. Ademais, están deseñados para empregarse nunha primeira saída nunha intervención para o transporte de auga no caso de pequenos incendios ou ben do material necesario en zonas de difícil acceso.

O investimento neste equipamento ascende a máis de 2M€ e inclúe, xunto cos 6 furgóns de servizos varios entregados hoxe, outros 5 camións tipo Bomba Rural Pesada (BRP) e 4 equipos de excarceración, entre outro material diverso para a atención ás emerxencias.

Nesta liña, Diego Calvo lembrou o importante esforzo realizado pola Xunta nos últimos anos para dotar aos efectivos dos servizos de emerxencias dos concellos galegos dos recursos necesarios co obxectivo de que poidan levar a cabo as súas actuacións en condicións de seguridade contribuíndo ademais a unha maior eficacia na atención das incidencias e nos seus tempos de resposta. Así o destacou no acto, no que tamén estivo presente o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva.

Pese a tratarse dunha competencia local -dos municipios de máis de 10.000 habitantes e das deputacións nos de menor poboación- a Xunta colabora no equipamento dos seus GES e Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) con máis de 24M€nos últimos anos. No caso das AVPC estase a entregar tamén nas últimas semanas material da orde de equipamento do ano pasado, que conta cunha dotación de 1M€ para coitelas quitaneves, remolques, tendas de campaña para a atención ás emerxencias, vehículos todoterreo, esparexedores de sal, embarcacións pneumáticas e desfibriladores externos.

 

 

Por outra parte, o vicepresidente segundo explicou que o Goberno galego asume máis da metade do custo anual dos GES e dos consorcios provinciais contraincendios e salvamento. Tamén financia os gastos de mantemento das AVPC a través dunha orde anual que supón, de media, 340.000 euros.

Cómpre lembrar que a Xunta aprobou a finais do pasado decembro a sinatura de dous convenios coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e as deputacións da Coruña e Lugo para financiar o desenvolvemento dos GES destas provincias. Así, o convenio coa Deputación da Coruña ten unha vixencia de dous anos, mentres que o asinado coa de Lugo é só para este ano.

Deste xeito, ambas deputacións que no exercicio anterior rexeitaran as melloras propostas pola Xunta aceptaron aplicalas neste 2023 cos novos convenios. Así, incrementaranse en 40.000 euros os custos salariais dos efectivos dos GES, pasando de 280.000 a 320.000 euros, co obxecto de adaptalos ao seu custo real actual. Na provincia da Coruña, tamén se acordou equiparar o financiamento do servizo municipal de Noia ao resto dos GES, pasando de 155.000 a 320.000 euros.

Estas melloras xa se levan aplicando nos grupos da provincia de Ourense grazas ao acordo do ano pasado da Xunta coa Deputación ourensá e a Fegamp para manter o acordo durante catro exercicios, ata 2025. No caso dos GES da provincia de Pontevedra rexeitaran as medidas e o acordo actual vence a finais deste 2023.

Artigos relacionados

Back to top button