A Ribeira Sacra recuperará o seu protagonismo no automobilismo nacional coa celebración da primeira edición da Subida Ribeira Sacra de Chantada. A proba será valedoira para o Campionato de España de Montaña (CEM), devolvendo así a máxima competición da especialidade a un trazado emblemático para os afeccionados.
O evento, que se desenvolverá durante os días 10, 11 e 12 de xullo de 2026, está a ser coordinado pola escuadra Chantada RS Motorsport co apoio técnico da Escuadería Valdeorras. Esta unión organizativa garante os estándares de calidade e seguridade esixidas pola Real Federación Española de Automobilismo para unha competición deste nivel.

A viabilidade deste ambicioso proxecto deportivo é posible grazas ao apoio decidido e o patrocinio das principais institucións galegas. A organización destaca a colaboración fundamental da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo e o Concello de Chantada. Desde o comité organizador subliñan que o compromiso destas entidades foi a peza crave para asegurar o éxito do evento. “Sen o respaldo e a confianza da Xunta, a Deputación e o Concello, sería imposible levar a bo porto unha proba desta envergadura, que non só é un fito deportivo, senón tamén un motor económico para a comarca”.
Ao longo de tres intensas xornadas, os asistentes poderán desfrutar das figuras máis salientables da montaña nacional no marco do CEM. De forma paralela, a proba albergará o Trofeo “Exclusive Auto-Talleres Convento”, destinado aos pilotos do ámbito autonómico, asegurando unha lista de rexistrados diversa e de alto valor deportivo.