EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

A estación de Manzaneda vén de estrear a tempada con sistema de innivación

Publicidade
A directora de Turismo de Galicia e o presidente da Deputación visitaban as instalacións deste complexo que vén de poñer en funcionamento catro canóns de neve

“Suporá un antes e un despois na estación de montaña de Cabeza de Manzaneda, unha infraestrutura deportiva na que se traballa tamén pola desestacionalización para diversificar a súa oferta de ocio e natureza, ademais de nos meses de inverno, ao longo de todo o ano”. Con estas palabras se refería o presidente da Deputación de Ourense Manuel Baltar á posta en marcha do sistema de innivación neste complexo. Polo de agora funcionan catro canóns de neve, pero prevese que na vindeira tempada o sistema xa estea a pleno funcionamento, segundo destabaca o responsable do goberno provincial, que visitaba a estación na mañá do 12 de xaneiro, acompañado pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; pola secretaria territorial da Xunta en Ourense, Silvia Dorado, e polo director de Oca Nova Manzaneda, Gustavo Sanmmartín.

Baltar considera que a “firme aposta da Deputación de Ourense, da man da Xunta de Galicia, unha aposta que non ten paragón por modernizar esta infraestrutura, singular no noroeste da Península Ibérica contribuirá a atraer maior competitividade para Manzaneda, Trives e toda esta contorna da provincia, favorecendo un tipo de turismo de calidade ao redor da natureza e o deporte”.

Pola súa banda Nava Castro destaca a importancia da estación, incidindo en que se trata dunha referencia para Galicia e tamén para o norte de Portugal. Ademais dende Turismo de Galicia resáltase que o obxectivo da posta en marcha deste sistema de innivación é “asegurar as condicións de neve a finais de decembro e alongar a tempada ata abril, nunha estación que, a día de hoxe, conta cun volume de esquiadores que supera os 28.000 ao ano, cifra que se prevé incrementar con esta medida. Para acadalo, estase a traballar na posta en marcha deste sistema de xeración artificial de neve que fortalecerá o papel desta estación como un dos maiores recursos de Galicia no eido do turismo activo durante todo o ano, afondando así no obxectivo de desestacionalización que persegue o modelo turístico galego, con propostas atractivas tamén fóra de tempada alta”.

Os primeiros canóns de neve están instalados na zona superior do complexo de Cabeza de Manzaneda, área destinada a esquiadores que se inician neste deporte, visitantes e cursos de esquí. A estación de montaña ten abertas as súas instalacións para a práctica do esquí, incluídos os remontes, con espesores de neve en pó de entre 10 e 25 centímetros, 11,3 quilómetros esquiables e un total de 19 pistas abertas.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button