Mellorar a explotación da estación de ferrocarril do Barco e incrementar a calidade do servizo aos usuarios. Son os obxectivos das obras de mellora de accesibilidade que Adif vén de iniciar nesta instalación, pertencente á liña de ancho convencional Palencia-A Coruña.
O proxecto desenvolverase en dúas fases. Na primeira delas “estará de baixa a circulación da vía 1, co fin de efectuar os traballos de elevación do andén principal, o borde do andén central e a instalación dun paso peonil entre andéns sobre vía (lado León) de caucho antideslizante (tipo strail)”, segundo se informa dende o Ministerio de Fomento.
Durante a segunda fase desta intervención darase de baixa para a circulación a vía 2 “para efectuar os traballos de recrecido do andén central. En todo momento quedará garantido o paso de viaxeiros ao andén 2 mediante un paso strail: na fase 1 utilizarase o xa existente no lado Monforte e na fase 2 o utilizado na fase 1 (lado León)”, segundo Fomento.
Entre as actuacións previstas figuran a desmontaxe de farolas, mobiliario e sinalización para a súa posterior recolocación; a elevación de andéns, a sinalización horizontal en andéns, a colocación de barandillas de dobre pasamáns en rampas de acceso ao andén principal e unha nova instalación eléctrica para mellorar a iluminación.